15 proxectos de escolares optan ao premio ‘Imaxina a túa empresa’

Empresa familiar nas aulas_punto ga

Un total de 49 alumnos de tres centros educativos galegos de primaria e secundaria optan ao premio do concurso Imaxina a túa empresa. O premio será outorgado pola Asociación Galega da Empresa Familiar e Afundación, Obra Social ABANCA, que seleccionarán dous dos quince proxectos empresariais presentados polos escolares galegos. Os traballos foron elaborados polas rapazas e rapaces, en grupos titorizados polos seus docentes, como parte final da primeira edición do programa Empresa familiar nas aulas.

A moda sustentable, a alimentación ecolóxica, a economía circular na industria, a divulgación cultural ou a dixitalización protagonizan os proxectos presentados polo alumnado en representación da súa empresa ideal. Todas as empresas propostas están enmarcadas nos valores medioambientais, de contribución social e de creación de emprego, valores que defende a Asociación Galega da Empresa Familiar. Actualmente, o 92,4 % do tecido empresarial galego está integrado por empresas familiares.

Empresarios nas aulas

Un total de 437 alumnos e alumnas de dez centros educativos de Galicia participaron na primeira edición de Empresa familiar nas aulas. A iniciativa contou coa participación e impartición de clases por parte dos empresarios Carlota López Pardo (Aresa), Yago González-Babé (Babé y Cía), Julio Simarro (Congalsa), Óscar Rodríguez (Espina y Delfín), Roberto Tojeiro (Gadisa), Emilio Lostalé (Lodiel), Joaquín Pérez Bellido (Pérez Rumbao), Julio Iglesias (Revi), Pepe Castro (Servicio Móvil), e Antón Fonseca (Terras Gauda).

Empresa Familiar nas aulas ten como principal obxectivo fomentar o emprendemento entre o estudantado galego, impulsando o contacto directo cos empresarios e empresarias, para reforzar o coñecemento académico relacionado coa empresa, espertar a vocación profesional e abrir horizontes laborais.

A Asociación Galega da Empresa Familiar está formada polas 58 principais empresas de propiedade familiar de Galicia, que facturan 11.000 millóns de euros y empregan a 55.000 persoas. Afundación, Obra Social ABANCA, busca o desenvolvemento integral da sociedade galega, e ten a educación como un dos seus eixos principais de traballo.