O xurado outorgou este mércores o XV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural á Denominación de Orixe Protexida Queixo San Simón da Costa, quedando como finalista do mesmo a Casa Grande de Xanceda.
Tal e como explicou o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, escolleuse como gañadora esta candidatura “pola capacidade de ter unido a 11 fabricantes que eran competencia entre eles e poñela en valor conseguindo aumentar a súa produción”. Tamén valorou o xurado o aproveitamento que fai da materia prima autóctona galega, o leite, e de promover a industria de transformación de produtos galegos.
Este candidato foi elexido entre outros nove semifinalistas entre os que se atopaban tres empresas, tres traballos de investigación, dúas asociacións e unha cooperativa. Dos nove presentados, dous solicitaron manter a confidencialidade na súa candidatura.
A Denominación de Orixe Protexida Queixo San Simón agrupa a 11 queixerías cunha producción media anual de 400.000 kg, o que reduce os problemas asociados á comercialización de leite líquido á vez que xera un considerable valor engadido.
A zona de produción do leite apto para a elaboración destes queixos está constituída pola área xeográfica da Terra Chá, que engloba aos concellos de Vilalba, Muras, Xermade, Abadín, Guitiriz, Begonte, Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza. Trátase dunha zona cunha longa tradición na fabricación de queixos, onde o sector lácteo supón unha parte moi importante na economía da zona. Un sector lácteo composto fundamentalmente por gando vacún das razas Rubia Galega, Pardo-Alpina, Frisona e dos diversos cruces destas.
Esta D.O. contou co recoñecemento nacional e internacional da calidade do seu produto, recibindo numerosos premios. Recentemente foi recoñecido cunha medalla de prata e dúas de bronce nos premios World Cheese Awards. O labor desenvolvido coincide plenamente co obxectivo do premio xa que contribuíu de forma decisiva a mellora da economía rural da Terra Chá da provincia de Lugo.
O gañador foi presentado esta mañá nas instalacións do Vicerreitorado da USC polos membros do xurado, que este ano estivo composto polo Reitor da USC, Juan Viaño Rey; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o vicerreitor do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade Calvo, e o director do Campus da Alimentación da Universidade de Barcelona, Marius Rubiralta Alcañiz.
O xurado tamén tivo palabras de loubanza para a outra empresa que foi finalista ata o último momento, a Casa Grande de Xanceda. Creada en 2002, trátase dunha granxa familiar de vacas que producen leite ecolóxica. Ten unha fábrica de iogures e quesos e outros produtos lácteos ecolóxicos que comercializan baixo a súa propia marca. Conta con 380 vacas e 200 hectáreas de pastos en Mexía, na provincia da Coruña. Actualmente, conta con 30 traballadores e produce 2,5 millóns de iogures ao ano. A visitan 15.000 persoas ao ano y é moi activa nas redes sociais.
Entre os candidatos presentados figura tamén a empresa Pablo Núñez Torrijo, que se dedica á producción e comercialización de produtos agrícolas seguindo os métodos tradicionais e ecolóxicos en Pedrafita do Cebreiro.
Vicogalo é unha sociedade cooperativa produtora de Galo Celta. Naceu no 2011 co obxectivo de asociar aos produtores inscritos no rexistro galego de explotacións de avicultura artesanal para garantir unha produción de Galo Celta para ser competitivos no mercado.
Afammer Galicia (Asociación de familias e Mulleres do Medio Rural de Galicia) é outra das finalistas. Esta asociación foi creada no 2001 e está presente nas catro provincias galegas. O seu obxectivo é promover a mellora e defensa da vida económica, social e cultural das mulleres rurais con actividades.
Tamén se presentaron tres proxectos de investigación: Un estudo de viabilidade da producción de semilla pratense por parte de Delagro Sociedad Cooperativa, a cargo de Adrián Varela Pérez; o de Ramón Fuentes Colmeiro, que propón un modelo de explotación agrícola sostible, e o de Iolanda Otero Barroso, que investiga un sistema de control dos cultivos durante todas as súas fases de desenvolvemento.
A contía do premio, de 10.000 euros, convirte a esta convocatoria nunha das máis relevantes do sector. Ademais, este ano, ofrecerase de novo a posibilidade á empresa gañadora de solicitar asesoramento e axuda para o desenvolvemento do proxecto.