A D.O.P. Queixo San Simón recolleu o XV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural


O Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Queixo San Simón da Costa recibiu esta noite no Auditorio da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo o XV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. O presidente da entidade, Daniel Pérez Pérez, foi o encargado de recoller o galardón, dotado con 10.000 euros e unha praca conmemorativa.

A gala de entrega do premio, un acto que todos os anos reúne ás personalidades máis destacadas do mundo social, económico, político e cultural da capital, estivo presidida polo reitor da USC, Juan Viaño Rey, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, acompañados na mesa pola conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e os membros do xurado deste ano José Manuel Andrade Calvo e Màrius Rubiralta Alcañiz.

Precisamente Rubiralta, que é director do Campus da Alimentación de Torribera, da Universidade de Barcelona, foi o encargado da lectura da lección maxistral ‘Desenvolvemento territorial e cohesión social a través do coñecemento agroalimentario e gastronómico’, coa que se iniciou o acto.

Este experto en alimentación fixo referencia á creación recente do Campus Terra facendo unha comparación entre a Universidade de Barcelona, á que pertence, e a de Santiago, “mediante la comparación entre estas dos regiones europeas con sus modelos de dieta característicos, la Dieta Mediterránea y la Dieta Atlántica;  dos universidades innovadoras, la UB y la USC, con dos proyectos de campus de especialización agroalimentaria TERRA y TORRIBERA, con dos comunidades agroalimentarias comprometidas”.

A entrega do galardón á Denominación de Orixe Protexida estivo a cargo do reitor e do presidente de Aresa. Este último destacou do gañador “su contribución a la mejora de la economía rural, transformando un producto del sector primario, como es la leche, y dándole un valor añadido a través de su elaboración y posterior comercialización”.

Explicou que un dos puntos que axudou ao xurado a optar por este candidato foi o feito de que “once fábricas de queso situadas en un ámbito geográfico limitado se hayan puesto de acuerdo para la explotación conjunta de un producto que han conseguido prestigiar tanto, contradiciendo la opinión extendida de que los gallegos somos incapaces de asociarnos”.

Denominación de Orixe Protexida Queixo San Simón agrupa a 11 queixerías cunha producción media anual de 400.000 kg, o que reduce os problemas asociados á comercialización de leite líquido á vez que xera un considerable valor engadido.

A zona de produción do leite apto para a elaboración destes queixos está constituída pola área xeográfica da Terra Chá, que engloba aos concellos de Vilalba, Muras, Xermade, Abadín, Guitiriz, Begonte, Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza. Trátase dunha zona cunha longa tradición na fabricación de queixos, onde o sector lácteo supón unha parte moi importante na economía da zona. Un sector lácteo composto fundamentalmente por gando vacún das razas Rubia Galega, Pardo-Alpina, Frisona e dos diversos cruces destas.

Esta D.O. contou co recoñecemento nacional e internacional da calidade do seu produto, recibindo numerosos premios. Recentemente foi recoñecido cunha medalla de prata e dúas de bronce nos premios World Cheese Awards. O labor desenvolvido coincide plenamente co obxectivo do premio xa que contribuíu de forma decisiva á mellora da economía rural da Terra Chá da provincia de Lugo.

Pola súa banda, o reitor da USC, que pechou o acto, explicou que “falar de desenvolvemento rural é falar de futuro”. Así, logo de destacar o compromiso da institución académica coa sociedade, Juan Viaño referiuse ao proxecto de Campus Terra como unha estratexia a través da que a USC pretende crear en Lugo o clima necesario para que todos os profesionais que desexen traballar sobre calquera aspecto ligado ao ámbito agroalimentario teñan as ferramentas, os compañeiros e as posibilidades necesarias para lograr importantes avances no día a día. Este proxecto de especialización do campus de Lugo pretende crear un novo modelo de formación integral onde a investigación e a docencia vaian da man, dixo.

Como sempre, ao finalizar o acto, serviuse un viño de honra, no que participaron todos os invitados, que un ano máis, encheron este magnífico foro universitario.

Outras candidaturas

Nesta XV edición se preseleccionaron nove candidaturas, entre as que se atopaban tres empresas, tres traballos de investigación, dúas asociacións e unha cooperativa. Dúas delas preferiron manterse no anonimato.

Casa Grande de Xanceda foi unha das finalistas, que disputou o primeiro premio ata o último momento. Creada en 2002, trátase dunha granxa familiar de vacas que producen leite ecolóxica. Ten unha fábrica de iogures e quesos e outros produtos lácteos ecolóxicos que comercializan baixo a súa propia marca. Conta con 380 vacas e 200 hectáreas de pastos en Mesía, na provincia da Coruña. Actualmente, conta con 30 traballadores e produce 2,5 millóns de iogures ao ano. A visitan 15.000 persoas ao ano y é moi activa nas redes sociais.

Entre os candidatos presentados figura tamén a empresa Pablo Núñez Torrijo, que se dedica á producción e comercialización de produtos agrícolas seguindo os métodos tradicionais e ecolóxicos en Pedrafita do Cebreiro.

Vicogalo é unha sociedade cooperativa produtora de Galo Celta. Naceu no 2011 co obxectivo de asociar aos produtores inscritos no rexistro galego de explotacións de avicultura artesanal para garantir unha produción de Galo Celta para ser competitivos no mercado.

Afammer Galicia (Asociación de familias e Mulleres do Medio Rural de Galicia) é outra das finalistas. Esta asociación foi creada no 2001 e está presente nas catro provincias galegas. O seu obxectivo é promover a mellora e defensa da vida económica, social e cultural das mulleres rurais con actividades.

Tamén se presentaron tres proxectos de investigación: Un estudo de viabilidade da producción de semilla pratense por parte de Delagro Sociedad Cooperativa, a cargo de Adrián Varela Pérez; o de Ramón Fuentes Colmeiro, que propón un modelo de explotación agrícola sostible, e o de Iolanda Otero Barroso, que investiga un sistema de control dos cultivos durante todas as súas fases de desenvolvemento.

Aresa logo

Contacto

Tel. Lugo +34 982 222 400Tel. Rábade +34 982 390 371info@aresa-agricola.com