A EFA Fonteboa recibe o XXII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Aresa6

  • Luis García Fernández, director do Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, foi o encargado de recoller esta noite o galardón, polo labor da entidade na formación dos futuros profesionais do rural.
  • O premio, impulsado conxuntamente polo Grupo Aresa e pola Universidade de Santiago de Compostela, está dotado con 10.000 euros e unha placa conmemorativa.  

A Facultade de Veterinaria do campus lucense volveu ser o escenario para a gala de entrega do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, como viña sendo habitual antes da chegada da pandemia. Esta noite o seu auditorio acolleu de novo o acto final da vixésimo segunda edición deste galardón.

A cerimonia foi presidida polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López Díaz, quen estivo acompañado polo presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e a presidenta da Asociación Nacional de Enxeñeiros Agrónomos, María Cruz Díaz Álvarez, os catro membros do xurado, xunto a Carme Pampín, CEO de GalChimia, quen non puido acudir á gala por motivos persoais. Na mesa presidencial sentouse ademais, como representante da Consellería do Medio rural da Xunta de Galicia, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos Corral.

Tras a benvida do reitor da USC, María Cruz Díaz, ofreceu a conferencia maxistral “Desenvolvemento rural e desenvolvemento do campo”, durante a que diferenciou claramente estes dous ámbitos e se centrou no desenvolvemento do campo e nas técnicas que se deberán afrontar ante o aumento da demanda de produtos e a importancia da seguridade alimentaria, todo nunha situación cambiante e tremendamente afectada pola actual guerra na Ucraína.

A continuación tivo lugar a lectura da acta co fallo do xurado por parte da secretaria do mesmo, a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e a entrega do Premio ao Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa.

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela e o presidente de Aresa entregáronlle a placa conmemorativa e os 10.000 euros cos que está dotado o premio a Luis García Fernández, director do centro.

EFA Fonteboa, máis de 45 anos de formación

O Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa fundouse en 1975 como iniciativa social para dar resposta ás necesidades de formación do ámbito rural e establecer un sistema pedagóxico innovador orientado á promoción do medio rural a través das persoas.

Nos seus máis de 45 anos de andadura graduou a preto de 1.000 estudantes de formación profesional agraria, a maioría dos cales están incorporados a explotacións gandeiras ou traballan no sector agroalimentario, contribuíndo a fortalecer o tecido económico e social do rural galego.

Tras a entrega do XXII Premio Aresa, Luis García, director do centro, dirixiuse ao auditorio e comezou agradecendo o premio ao grupo Aresa e aos membros do xurado, “sentímonos moi agradecidos”.

Seguidamente, enumerou os principios do seu proxecto educativo e asegurou que “o mellor aval da candidatura son todos os nosos estudantes, os que a día de hoxe están traballando no sector gandeiro e agrícola de Galicia”. Ao que engadiu: “A nosa razón de ser é a inserción profesional dos egresados no propio territorio, pois non se trata de capacitar para emigrar, senón para quedarse na terra, con sentimento de pertenza e compromiso social para mellorar a vida do rural e salvagardar o patrimonio e os valores identitarios”.

García Fernández rematou a súa intervención lembrando a situación que vivimos e subliñando que “debemos estar en contacto cos actores locais e darlle solución ás demandas e expectativas da sociedade rural, en especial, da mocidade. É unha función de toda labor educativa contemplar o futuro con optimismo e ter esperanza en que os froitos sempre han de chegar”.

Finalizadas as palabras de agradecemento do premiado, interviu o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, que celebrou os vinte e dous anos de historia do Premio, trasladou os seus parabéns á EFA Fonteboa e resaltou que a formación, a innovación, a proximidade, a sustentabilidadee e a investigación “son conceptos importantes, pero non significan nada sen accións de todos e cada un, sen o compromiso persoal de todas e todos”.

Pola súa parte, Álvaro Rodríguez Eiras sinalou do gañador “o importante labor que desenvolve para o medio rural galego” e deu paso á vicepresidenta do grupo Aresa, Carlota López Pardo, quen tomou a palabra en nome da entidade.

López Pardo recordou os piares fundamentais nos que se asentou a creación do galardón, como “a mellora do benestar das persoas que viven no rural e a transmisión das súas problemáticas ao resto da sociedade”, e alertou precisamente dunha desas eivas, “a falta de traspaso xeracional á fronte das explotacións gandeiras e de moitas empresas do mundo rural”.

“O gañador desta edición, o Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, é un excelente exemplo da importancia que ten a formación no futuro profesional da mocidade, e en consecuencia, de todo o sector. A súa contribución á incorporación de novos profesionais á agricultura e á gandería na nosa terra é clara e evidente e, por tanto, tamén o é a súa contribución ao desenvolvemento rural de Galicia”, apuntou.

Ademais de reflexar o papel do premiado neste senso, Carlota López analizou a actualidade da gandería e da agricultura a nivel internacional: “A escalada dos prezos das materias primas, en máximos históricos, e as consecuencias, xa non só da pandemia, senón da ofensiva militar rusa en Ucraína, xa se notan nuns mercados financeiros desestabilizados e nun sector claramente afectado: o agro”.

Afirmou que “a situación é complexa, pero non nos queda máis remedio que afrontala. Non podemos renunciar ao sector que nos proporciona alimentos, debemos ser capaces de garantir un medio rural rendible e sostible e, nesta liña, traballaremos desde Aresa”.

Na clausura da gala, o reitor da USC, Antonio López Díaz, felicitou unha vez máis á EFA Fonteboa e destacou que “a Universidade debe seguir e seguirá polo camiño da combinación da docencia, da investigación, coa transferencia do coñecemento e a conexión coa realidade e coa sociedade a quen se debe”.

A gala, en vídeo

> Entrega do premio

> Conferencia: Desenvolvemento rural e desenvolvemento do campo

> Intervención do director da Agacal, José Luis Cabarcos Corral

> Intervención do presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e da vicepresidenta de Aresa, Carlota López Pardo

> Intervención do reitor da USC, Antonio López Díaz

O palmarés do Premio Aresa

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019) e Cooperativa A Carqueixa, que resultou gañadora do premio na edición de 2020.