A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, coa financiación obtida grazas á concesión do XVIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, colabora no proxecto AHortas da Fundación Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela para a inserción laboral de persoas en risco de exclusión social.

A EPS de Enxeñaría de Lugo participa no proxecto AHortas: explotacións de horticultura ecolóxica, formación e inserción laboral liderado pola Fundación Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela (Cadisan), co reto de facilitar o acceso ao mercado de traballo como unha ferramenta fundamental para a inserción social.
Así o anunciaba esta mañá Tomás Cuesta, director da EPSE, acompañado por Jesús García, delegado episcopal de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela; Adolfo López, coordinador do Grao de Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, e por Carlota López, adxunta á dirección do Grupo Aresa.
AHortas é unha aposta por modelos sustentables de economía social e solidaria que, baseados no respecto polo medio ambiente, promoven a xustiza e o ben común e, polo tanto, son inclusivos para a maior parte da poboación. Un destes modelos é a agroecoloxía, por iso o apoio decidido do profesorado de Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e de Enxeñaría Forestal e do Medio Natural a este proxecto de Cáritas.
A EPS de Enxeñaría de Lugo, pertencente á Universidade de Santiago de Compostela, sensible a estas necesidades, participa na iniciativa cunha axuda económica grazas aos fondos conseguidos coa concesión do XVIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. A súa achega servirá para a dotación de material ofimático e equipamento informático ao persoal responsable da formación e da produción e comercialización.
O Proxecto
O seu obxectivo principalé capacitar os participantes na produción, transformación e comercialización de produtos agrarios ecolóxicos para facilitar a inserción laboral, ben mediante a creación de iniciativas emprendedoras ou ben mediante a empregabilidade en empresas xa existentes.
O proxecto AHortas, iniciado o 5 de novembro de 2018 cun período de retorno de cinco anos (2019-2023), prevé na súa primeira etapa a conversión do conxunto de parcelas, propiedade ou cedidas a Cáritas, próximas aos concellos de Ordes e Vilagarcía de Arousa, en explotacións de inserción laboral.
O perfil dos participantes responde, sobre todo, a mulleres residentes nestes concellos, menores de 40 anos e sen estudios superiores. Dos 15 alumnos que integran cada curso e que inician a formación contrátase por tres anos a aqueles que sexan necesarios para o mantemento das explotacións nas que participan. Ao final do curso todos os alumnos estarán en condicións de crear a súa propia explotación.
Liñas de Acción
O piar social do proxecto consta de dous elementos: a formación e capacitación para persoas en risco de exclusión social durante oito meses e o traballo pola mellora da empregabilidade do persoal que traballará nas explotacións que participan no mesmo.
Cóntase con seis liñas de acción:
- Formación.
- Fase 1: coñecementos do sector da Agricultura Ecolóxica.
- Fase 2: elaboración en equipo dun anteproxecto de explotación de Agricultura Ecolóxica.
- Inserción laboral na produción agroecolóxica mediante as explotacións participantes en AHortas.
- Inserción laboral en comercialización de verduras, hortalizas, plantas aromáticas, froitas e plantas ornamentais ecolóxicas.
- Acompañamento de iniciativas de autoemprego, individuais e grupais no sector agroecolóxico.
- Dirección técnica de profesionais con experiencia específica no manexo de explotacións agro-ecolóxicas e en formación.
- Fomento do consumo de produtos ecolóxicos en Galicia.