A feira Moexmu eríxese como candidatura vencedora do XXIV Premio Aresa

Premio_aresa_moexmu
  • No seu cuadraxésimo aniversario, a Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu) foi a escollida como gañadora do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural pola súa contribución á profesionalización do sector gandeiro, á remuda xeracional, ao desenvolvemento rural e á posta en valor da gastronomía local.
  • O venres 1 de marzo terá lugar a gala de entrega deste recoñecemento, convocado pola Universidade de Santiago de Compostela e o grupo Aresa.

A Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu) foi a proposta gañadora do XXIV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, segundo deu a coñecer esta mañá, no Pazo de Montenegro de Lugo, o xurado encargado de emitir o ditame deste galardón convocado de maneira conxunta polo Grupo Aresa e a USC.

O xurado desta edición, na que se recibiron 12 candidaturas, estivo composto polo reitor da USC, Antonio López Díaz; o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; a conselleira e directora de Marketing e Exportación de Aceites Abril, Elena Pérez Canal, e a catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da USC, Ángeles Romero.

A vicepresidenta de Aresa, Carlota López, expresou na súa intervención o agradecemento do grupo á Universidade pola “súa participación en todas as edicións deste galardón e polo seu apoio ao campus de Lugo e ao sector agro da nosa provincia”, así como a Ángeles Romero e a Elena Pérez “por formar parte do xurado deste premio que, despois de vinte e catro edicións, seguimos organizando con moita ilusión”.

Así mesmo, destacou a fortuna de que, ano tras ano, se sigan recibindo candidaturas “diversas e de moitísima calidade, as cales dan conta da boa saúde do agro galego”. Esta convocatoria non foi a excepción, destacou a vicepresidenta do grupo: “Un vez máis, as propostas foron moi variadas e todas elas poderían ser merecedoras do premio”.

Finalmente, foi escollida como vencedora a candidatura da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), feira que este ano celebra o seu cuadraxésimo aniversario. “Precisamente en recoñecemento á súa longa traxectoria decidimos fallar ao seu favor”, destacou o reitor Antonio López. A continuación, o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco Fraga, subliñou a ampla traxectoria da Moexmu, “unha das feiras decanas de Galicia, coa que o Campus Terra leva moitos anos colaborando e que axuda desenvolver o sector agrario da zona de Cospeito”.

Pola súa banda, a catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos Ángeles Romero valorou da proposta a súa contribución á “profesionalización do sector agrogandeiro e ao desenvolvemento rural”. A CEO de Aceites Abril, Elena Pérez, sumouse a estas palabras e engadiu o pulo que dan este tipo de eventos para “estimular a remuda xeracional do sector, así como para a posta en valor da gastronomía local da zona de Muimenta”.

ENTREGA DO PREMIO

Ao remate do acto, anunciouse a data de entrega do galardón. O vindeiro venres 1 de marzo a facultade de Veterinaria do Campus de Lugo acollerá a cerimonia.

O premio está dotado, como vén sendo habitual, con 10.000 euros e un diploma de mérito.

CANDIDATURAS PRESENTADAS

Xunto coa Moexmu, postuláronse como candidatos desta edición o proxecto Eo Alimenta, o proxecto Moirai, Slow Food Compostela, Apicultura no Concello de Boborás, o proxecto H2GZ As Pontes. The City Under The Lake, Cosmética Muuhlloa, Traloagro, Puresa, a Asociación Soutos do Courel, a candidatura conxunta dos grupos de investigación Farmatox e NanoMag, da Facultade de Veterinaria e da Facultade de Física da USC, respectivamente, e o traballo Influencia dos residuos de funxicidas a base de mepanipirim sobre a composición aromática do viño.

Aresa logo

Talento

Tel. Lugo +34 982 222 400Tel. Rábade +34 982 390 371info@aresa-agricola.com