O día 20 de febreiro é a data escollida para a celebración da gala de entrega do XV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural á Denominación de Orixe Protexida Queixo San Simón da Costa, tal e como acordou o xurado desta edición no pasado mes de decembro.
Como noutras ocasións, o acto de entrega terá lugar no Auditorio da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela no campus de Lugo a partir das 20.00 horas. Estará presidido polo reitor da USC, Juan Viaño Rey, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e nel participarán diferentes autoridades galegas.
Ademais do acto de entrega do galardón, os asistentes poderán escoitar a conferencia que ofrecerá Màrius Rubiralta Alcañiz, director do Campus da Alimentación de Torribera, da Universidade de Barcelona, e que foi membro do xurado do Premio desta edición. A ponencia levará o título ‘Desenvolvemento territorial e cohesión social a través do coñecemento agroalimentario e gastronómico’.
Como sempre, ao finalizar o acto, servirase un viño de honra, no que estarán invitados a participar todos os asistentes. A entrega do Premio Aresa é un dos actos máis importantes de Lugo e reúne ás personalidades máis destacadas do mundo social, económico, político e cultural da capital. De feito, todos os anos complétase o aforo deste marco universitario.
O gañador desta edición, que recibirá 10.000 euros e unha praca conmemorativa, foi elexido entre outros nove semifinalistas entre os que se atopaban tres empresas, tres traballos de investigación, dúas asociacións e unha cooperativa.
A Denominación de Orixe Protexida Queixo San Simón agrupa a 11 queixerías cunha producción media anual de 400.000 kg, o que reduce os problemas asociados á comercialización de leite líquido á vez que xera un considerable valor engadido.
A zona de produción do leite apto para a elaboración destes queixos está constituída pola área xeográfica da Terra Chá, que engloba aos concellos de Vilalba, Muras, Xermade, Abadín, Guitiriz, Begonte, Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza. Trátase dunha zona cunha longa tradición na fabricación de queixos, onde o sector lácteo supón unha parte moi importante na economía da zona. Un sector lácteo composto fundamentalmente por gando vacún das razas Rubia Galega, Pardo-Alpina, Frisona e dos diversos cruces destas.
Esta D.O. contou co recoñecemento nacional e internacional da calidade do seu produto, recibindo numerosos premios. Recentemente foi recoñecido cunha medalla de prata e dúas de bronce nos premios World Cheese Awards. O labor desenvolvido coincide plenamente co obxectivo do premio xa que contribuíu de forma decisiva a mellora da economía rural da Terra Chá da provincia de Lugo.