Tomás Cuesta, director da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, recibiu esta noite no auditorio da Facultade de Veterinaria do campus lucense o galardón, impulsado conxuntamente pola Universidade de Santiago de Compostela e polo Grupo Aresa e dotado con 10.000 euros e unha placa conmemorativa.
O acto de entrega do Premio Aresa, que congregou personalidades dos eidos social, económico, político e cultural, foi presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o reitor da USC, Juan Viaño Rey, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, aos que acompañaron dous membros do xurado desta edición, como son o reitor da Universidade de León, Juan Francisco García Marín, e o director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Manuel López Luaces.
José Rafael Marqués da Silva, profesor de Engenharia Rural da Universidade de Évora (Portugal), foi o encargado de ofrecer a lección maxistral `Manexando cultivos con imaxes satelitais´, durante a que explicou os usos destas innovadoras ferramentas e os beneficios que permiten para reducir custos e riscos nas diferentes producións agrícolas.
Seguidamente á conferencia tivo lugar a lectura da acta co fallo do xurado por parte do secretario do mesmo, o viceirreitor de Coordinación do Campus Terra, Javier Bueno Lema.
O presidente da Xunta de Galicia e o presidente de Aresa entregaron a placa conmemorativa e os 10.000 euros cos que está dotado o premio. Rodríguez Eiras destacou da gañadora “o valor da súa longa traxectoria na formación de homes e mulleres que participaron na evolución e profesionalización do sector primario e dos proxectos de investigación que desenvolven neste mesmo sentido”.
Ideas que tamén remarcou o reitor da USC ao recordar que “como mostra da súa excelencia investigadora, nos últimos 16 anos a EPSE conseguiu captar uns recursos de I+D+i superiores aos 41 millóns de euros”. Rematou felicitando a todo o seu persoal, dende os profesores ata os estudantes, polo seu meritorio traballo, grazas ao cal “se logrou a posición de excelencia actual”.
Nesta mesma liña, tanto o reitor da Universidade de León como o director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, tras subliñar a calidade das catorce iniciativas presentadas, incidiron no importante papel da candidatura vencedora para o desenvolvemento do medio rural galego dende a docencia e a investigación.
Alberto Núñez Feijóo clausurou o acto repasando a destacada evolución do sector primario nos últimos anos e salientando que “as mellores páxinas da historia do noso agro están por escribir. Neste senso, este Campus e esta Escola teñen unha longa vida. Aresa e o xurado acertaron na concesión deste premio porque sen transferencia do coñecemento, sen ciencia, non é posible a evolución do sector”.
EPSE, a premiada desta edición
A Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo naceu en 1967 como Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Agrícola, a antiga EUITA, e impartiu dende os seus inicios titulacións das áreas agraria, gandeira e forestal, converténdose en pouco tempo nunha importante referencia para estes sectores. Xustamente o ano pasado, que cumpriu o seu 50 aniversario, foi recoñecida entre as mellores universidades españolas no ranking da Fundación BBVA no ámbito da enxeñería agronómica e forestal.
O xurado tivo en conta para facer a Politécnica de Lugo merecedora deste premio a súa especial contribución para xerar empregos de calidade no medio rural, buscar a innovación en todos os métodos produtivos e adaptar a súa transmisión de coñecemento ás necesidades tan cambiantes do mercado.
O director da EPSE de Lugo, Tomás Cuesta, agradeceulles aos membros do xurado a entrega deste décimo oitavo Premio Aresa, un recoñecemento que “supón un orgullo e unha ledicia especial ao coincidir co 50 aniversario da creación deste centro”. Lembrouse dos inicios e de todo o persoal que traballa e traballou nesta escola –docentes e investigadores, persoal de administración, estudantes e titulados– e adiantou os principais obxectivos polos que apostarán no futuro, entre os que subliñou: “empregar todos os seus recursos dun xeito eficaz e responsable para dar resposta ás necesidades da sociedade e colaborar no desenvolvemento da mesma mediante a formación de técnicos competentes, a través da colaboración coas empresas na creación e transferencia de coñecemento, a participación na formación continua dos axentes sociais e a colaboración con aqueles colectivos que fan posible o desenvolvemento do noso medio rural”.
O palmarés do Premio Aresa
Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DO Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015) e a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016).