A Sociedade Agraria de Transformación Montes de Trabada gaña o XII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

A Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Montes de Trabada é a gañadora da decimo segunda edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural que promoven a USC e o grupo lugués Aresa.

Premio_Aresa

O xurado destaca o seu esforzo na xestión e concentración parcelaria

Este martes por maioría o xurado, reunido na Vicerreitoría de Coodinación e Planificación, recoñece a súa contribución á mellora da economía galega, en especial da provincia de Lugo.

Entre outros méritos os membros do xurado valoraron o traballo desenvolvido na explotación forestal de maneira que tras diversas concentracións parcelarias se agruparon baixo a fórmula de SAT 327 propietarios e un total de 1.157 hectáreas efectivas nos montes do Concello de Trabada. Esta iniciativa logrou converter 7.338 fincas en 513, facéndoas así produtivas e demostrando que a xestión conxunta da superficie facilita o traballo mecanizado e reduce os custes de transporte, o que incrementa sensiblemente a súa rendibilidade económica.

Por ser Galicia, e especialmente a provincia luguesa, unha gran potencia forestal o xurado considera que este proxecto constitúe un claro exemplo das vantaxes da concentración de propiedades para a xestión e o aproveitamento da madeira de maneira sustentable, nunha comunidade que padece a dispersión da propiedade e a gran superficie improdutiva.

O xurado desta edición do premio, promovido pola USC e o grupo lugués Aresa, estivo composto polo reitor da USC, Juan Casares Long; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o reitor da Universidade portuguesa de Trás-os-Montes e Alto Douro, Carlos Alberto Sequeira; e o presidente da Confederacion de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla Ramil.

Dez mil euros

O Premio Aresa ao Desenvolvemento Rural, ao que este ano se presentaron un total de sete candidaturas, está dotado con dez mil euros. Recoñece e incentiva o I+D nos eidos agrícola e gandeiro como elementos fundamentais cara a mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas que traballan na zona rural galega, con especial atención ás particularidades da economía luguesa, dando prioridade á sustentabilidade dos recursos naturais e ao respecto á natureza. No certame prémianse traballos de investigación, iniciativas emprendedoras ou traxectorias profesionais.

Xurdido en 2000 por iniciativa do presidente de Aresa, dende o comezo convocouse da man da Universidade de Santiago de Compostela, vinculada ao sector labrego a través das varias titulacións relacionadas coa agricultura, a silvicultura e a gandería que ofrece. Os doce anos de traxectoria fan del un certame recoñecido e asentado na sociedade galega e no sector profesional ao que se dirixe, acadando gran importancia pola súa permanencia, polos currículos dos premiados en todas as edicións e pola dotación económica.

Gañadores

Na primeira edición do certame o premio recaeu na industria cárnica Novafrigsa, e a el seguíronlle cronoloxicamente o profesor e investigado rda USC Javier Guitián, a Aula de Produtos Lácteos de Lugo, o chantadino Xosé Manuel Silva Rodríguez como director xeral de Agricultura na Comisión Europea, a IXP Ternera Gallega, o programa televisivo ‘O Agro-Labranza’, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, a Queixería Casa Macán de Taboada, a Facultade de Veterinaria de Lugo, Ingapan e, na última edición de 2010, a Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (ACRUGA).