Seis entidades lograron o distintivo do Grupo Aresa nos últimos anos por un traballo con selo local.

O traballo no campo segue activo e en pé, e a comarca da Terra Chá é unha clara mostra diso. Decenas de empresas, cooperativas e asociacións chairegas loitan cada día polo sector primario. E, aínda que o mellor dos premios é o traballo ben feito, como aseguran moitos deles, o certo é que os recoñecementos tamén gustan e axudan moito.
Só na comarca de Terra Chá, un total de seis empresas e cooperativas agrarias e gandeiras lograron nos últimos anos o recoñecemento do premio Aresa, un dos máis prestixiosos para os traballadores do campo galego, sendo a Moexmu a última en recibir este distintivo este ano.
Dende a propia organización do premio recoñecen que a Terra Chá ten unha «muy buena materia prima«, polo que non é de estrañar que as súas marcas e cooperativas copasen o podio deste galardón que, en palabras da vicepresidenta do Grupo Aresa, Carlota López Pardo, «busca contribuir al rural a través de personas, instituciones, proyectos de investigación y empresas que crean riqueza y bienestar en el rural gallego».
«Cada año es más complicado elegir al ganador del certamen»
Carlota López Pardo
Este último ano recibiron doce candidaturas e «cada año es más complicado elegir al ganador, porque el nivel es muy elevado», explica a vicepresidenta en relación ao traballo do xurado encargado do certame, composto polos representantes de Aresa, o rector da USC, o vicerrector do Campus Terra de Lugo, un empresario e un académico.
«La provincia de Lugo destaca muy por encima del resto generalmente, y Terra Chá cuenta con un sector ganadero muy potente» afirma Carlota López Pardo.
Muimenta: un sector agrogandeiro forte
E, facendo unha análise máis exhaustiva dos últimos anos, destaca en especial Muimenta e os seus arredores como principal terra galardoada. A Moexmu foi a última mostra, pero antes dela viñeron Asoporcel (2019), Craega (2018), Agroamb (2015), cuxas directivas están formadas por persoas naturais desta localidade ou moi próximos a ela (José Manuel Rus, José Barreira Alonso, Francisco López Valladares e Severiano Ónega, respectivamente).
Os catro, cada un da súa xeración, compartiron incluso escola e, tempo máis tarde, están involucrados en proxectos vinculados ao campo que, pola súa repercusión no medio rural, contribúen a fomentar a vida agrogandeira non só na comarca, senón tamén no resto da comunidade.
Pero, ademais destes, a Terra Chá sumou outros dous gañadores deste premio, anteriores incluso a eles. Trátase de Champivil (galardoada en 2012) e a DOP Queixo Son Simón da Costa (2014), que son outros dos nomes que máis destacan na zona pola calidade dos seus produtos.
Moexmu (2024)
A Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), ademais de ser a última gañadora do Premio Aresa, foi a primeira feira que logrou este recoñecemento e, aínda por riba, mentres celebraba o seu 40 aniversario. «Este era o primeiro ano que nos presentabamos, así que foi chegar e bicar o santo», afirma o encargado da Moexmu dende hai 26 anos, José Manuel Rus, que cre que este foi o premio «ao traballo da veciñanza durante 40 anos».
Rus explica que todo comezou nos anos 80, cando os veciños da localidade reuniron forzas para converter Muimenta nun escaparate da gandería, referente para o medio rural.
O concurso de gando frisón, no que participan explotacións de toda Galicia e mesmo de Asturias, é o único que se mantén actualmente na provincia, e con xuíces que ás veces proceden doutras comunidades autónomas.
«Hai que vivilo para experimentar o que é esta feira», sostén o seu organizador, que explica que un dos momentos máis emocionantes que viven os asistentes é o momento no que os nenos pasean as vacas, xa que é toda unha declaración de intencións da feira, que busca que a gandería sexa un sector que conte con futuras xeracións, polo que os máis novos xogan un papel fundamental niso, algo que el pensa que é un dos «motores desta feira».

Asoporcel (2019)
A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), que naceu en 1999 como unha entidade sen ánimo de lucro encamiñada á recuperación e conservación da raza Porco Celta e que ten un presidente de Muimenta, José Barreira, lograba o distintivo Aresa no ano do seu vixésimo aniversario. «O recoñecemento foi moi importante, porque supuxo un forte impulso», asegura Barreira, que leva seis anos á fronte da directiva.
El afirma que, dende Asoporcel, a filosofía «sempre foi a mesma», é dicir, «tivemos e temos como fin último dar a coñecer o lugar que lle corresponde ao porco celta como patrimonio xenético e cultural de Galicia, legándoo a xeracións futuras».
Ao seu favor, o presidente da asociación afirma que eles contan con preto de 20 granxas e máis da metade das explotacións de porco celta en Galicia encóntranse na provincia de Lugo, e a metade destas están na Terra Chá, polo que afirma que «esta é terra gandeira e penso que a xente está a facer un bo traballo».
Craega (2018)
Natural da Ponte de Outeiro e asentado na Pastoriza, Francisco López Valladares, o presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica en Galicia (Craega), sente un «forte orgullo» de que a súa terra fora o berce de recoñecementos agrogandeiros «do nivel dos premios Aresa». Craega levouno en 2018 logo de varios anos presentándose e, aínda que o presidente recoñece que «se fixo un pouco de rogar, a verdade é que pagou a pena».
Explica que dende Craega fan o traballo de certificación de toda a agricultura ecolóxica en toda Galicia no sector vexetal, no animal e no acuícola. «E a cousa foi a máis, aínda que os dous últimos anos foron máis complicados, pero seguimos a ser unha certificación pública de certo nome que busca seguir crecendo», declara.
Agroamb (2015)
Severiano Ónega, o fundador de Agroamb e natural de Ponte de Outeiro, di que o premio Aresa, que a firma conseguiu en 2015, foi «determinante para que a xente coñecese o noso traballo de preto». Agroamb dedícase á valorización de residuos orgánicos do tecido industrial galego para o sector agrícola, polo que a súa contribución consiste en poñer en valor os recursos residuais e convertelos en aproveitables.
«Sempre avanzamos e nos diriximos cara á unha economía circular en consonancia coas políticas europeas», asegura Ónega, que conta que Agroamb traballa tanto en Galicia, coma noutros territorios como Cantabria, Extremadura e Madrid.
San Simón da Costa (2014)

E tamén chairego é o recoñecido queixo San Simón da Costa, con Denominación de Orixe Protexida, que celebra o décimo aniversario da consecución do distintivo de Aresa. «Foi unha honra que se acordasen de nós, tanto da denominación como dos queixeiros», afirma Ángel Ramil, o xerente do Consello Regulador da DOP Queixo San Simón da Costa.
El cre que o principal motivo para premialos foi que tiñan «algo que poucos máis tiñan: o relevo xeracional, e tamén o feito de que o campo conte con proxectos con continuidade no tempo», asegura Ramil, que di que a Terra Chá «conta cun sector agrogandeiro moi sostible».
Segundo os últimos datos facilitados polo consello regulador, o último ano venderon un total 609.565 unidades, e na elaboración participaron nove queixerías (Don Crisanto, Don Gabino, Prestes, Catadoiro, Cas Leiras, As Fontelas, Daniberto, todas elas de Vilalba, Lorán, de Abadín, e Leitigal, de Castro). «Ao final, o queixo toca a moita xente», di Ramil.
Champivil (2012)
A responsable de Champivil, Luz Divina Castelo, conta que, en 2012, cando o seu grupo logrou o premio Aresa, «conseguimos expandir moito o noso traballo e colaborar con outras cadeas», e aínda que Champivil tamén logrou recoñecementos europeos, Castelo admite que o Aresa «foi o que nos fixo máis ilusión». De feito, ela vai todos os anos ás galas dese premio, porque é «unha fiel seguidora do seu traballo».

Recorda Luz con especial ilusión o día que os responsables do Grupo Aresa visitaron as súas instalacións mentres estaban a traballar e «alucinaron». «Traballamos con produtos e provedores 100% locais», engade.
E así, con produtos silvestres dende o ano 1977, a firma vilalbesa converteuse nun referente no sector da micoloxía, a nivel nacional e internacional e dende «aquí mesmo», asegura Luz Divina, que incide en que o seu propósito é «seguir emprendendo».
Publicado en El Progreso el día 10/05/2024.