A Universidade de Santiago e o grupo empresarial de subministros agrogandeiros Aresa asinaron este venres 13 un novo convenio de colaboración para o desenvolvemento do que será o XIV Premio ao Desenvolvemento Rural. A sinatura deste acordo celebrouse no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, da man do reitor Juan Casares e do presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras.
Nesta ocasión, o premio primará aquelas candidaturas que fomenten a creación de emprego e a innovación no rural. Deste xeito, o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural refúndase pero sen perder de vista o seu obxectivo orixinal, a mellora da calidade de vida das persoas que traballan no medio rural galego. Outra das vantaxes que achegará o premio, e non só ao gañador, será a de dar a coñecer publicamente as distintas iniciativas e proxectos que hai en marcha actualmente a favor do agro galego, de tal xeito que poidan conseguir patrocinadores ou apoio por parte dos organizadores ou doutras empresas e institucións.
O reitor Juan Casares salientou que o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural dá pulo ás novas visións e proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación no eido agrario e gandeiro. Casares referiuse tamén a este galardón como un dos múltiples beneficios que recibe a sociedade froito da colaboración entre a Universidade e a empresa, ao tempo que se reforza e fai máis visible o compromiso da Universidade de Santiago coas persoas, coa terra e co territorio no que se asenta.
Pola súa banda, o presidente de Aresa explicou que “a situación actual de crise xeneralizada, e a situación do campo en particular, obrigaron a facer este cambio nas bases”. Avanzou tamén que este ano alóngase o prazo de presentación de candidaturas ata mediados do mes de novembro para dar máis oportunidades á participación.
Premiados nas edicións anteriores
Na traxectoria deste galardón, creado no ano 2000 e que acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran premiados como o profesor da USC Javier Guitián (en 2001, polo seu estudo sobre os valores biolóxicos da Serra do Courel), a Aula de Produtos Lácteos (ano 2002) ou a Facultade de Veterinaria (2008). Fóra do ámbito universitario, outros gañadores do premio foron a industria cárnica Novafrigsa (2000), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa de TVG ‘O Agro’ (2005), a D.O. Ribeira Sacra (2006), a empresa Ingapán (2009) ou a Asociación de Criadores de Rubia Galega – Acruga (2010).
A título individual tamén recibiron este recoñecemento o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, o lucense Xosé Manuel Rodríguez Silva (2003), e os impulsores da queixería Casa Macán (2007). Na edición de 2011 premiouse a Sociedade Agraria de Transformación ‘Montes de Trabada’. O último premio recaeu sobre a empresa Champivil, unha sociedade familiar fundada en Vilalba e dedicada á elaboración e comercialización dun amplo abano de produtos agroalimentarios.