A USC e o Grupo Aresa convocan o VII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Foto_pres2006

A sétima convocatoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que promoven a Universidade de Santiago e o Grupo Aresa, presentouse o pasado seis de xullo no Colexio de San Xerome logo de que o presidente do Consello de Administración do Grupo Aresa, , Álvaro Rodríguez Eiras, e o reitor Senén Barro asinaran o convenio polo que se convoca. No acto participou tamén o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero.

O Premio Aresa pretende incentivar a investigación e o desenvolvemento, así como iniciativas empresariais anovadoras na agricultura e na gandería de Galicia. O galardón tamén recoñece traxectorias persoais, empresariais ou institucionais na área agrogandeira, como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas vencelladas ao medio rural galego.

Organizado pola Universidade de Santiago e Aresa, compañía lucense que opera no sector dos fertilizantes e produtos gandeiros en España e Portugal, o gañador percibirá dez mil euros, o que o converte no galardón mellor dotado de cantos na súa especialidade se outorgan en Galicia.

Anteriores convocatorias
As últimas edicións do Premio Aresa suscitaron un grande interese entre a comunidade científica galega e entre o empresariado. Por iso, o presidente da compañía lucense, Álvaro Rodríguez Eiras, decidiu que o que nacera como unha actuación única de mecenado se tiña que converter nunha convocatoria de periodicidade anual. Este premio recaeu na súa primeira edición na industria cárnica Novafrigsa (Grupo Coren), mentres que en 2001 foi recoñecido o investigador Javier Guitián Rivera, por un estudio multidisciplinar sobre a serra de O Courel. Na terceira edición se distinguiu co galardón á Aula de Produtos Lácteos, centro de investigación integrado no Instituto de Investigación e Análises Alimentarias da Universidade de Santiago. Na cuarta convocatoria o galardón correspondeulle a José Manuel Silva Rodríguez, por entonces director xeral de Agricultura na Comisión Europea, e na quinta foi para a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega. O premio distinguiu o ano pasado ao programa da Televisión de Galicia ?O Agro-Labranza? por ser testemuña directa da transformación da cultura agraria e do espazo rural

Bases
Os rexistros dos campus universitarios de Santiago e Lugo serán os lugares onde se deberán presentar as candidaturas, con data límite o 13 de outubro. O fallo darase a coñecer ao longo do mes de decembro e a entrega do galardón terá lugar en Lugo a comezos do ano 2007.

Formarán o xurado o reitor Senén Barro, o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e outras dúas personalidades vencelladas co sector agrario.

Para máis información sobre esta convocatoria e anteriores pódese consultar a web www.premioaresa.com.