A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Grupo Aresa recibirán ata o 30 de outubro as candidaturas á edición de 2015 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural.
O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e o presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, presentaron esta mañá as bases da nova convocatoria deste galardón co que os dous organismos veñen apoiando dende hai anos as iniciativas que contribúen á mellora do medio rural galego. O acto desenvolveuse na fábrica de envasado de fertilizantes que ten Aresa no concello de Rábade.
Poderán optar ao Premio Aresa entidades, empresas, grupos de investigación ou persoas que compartan o interese polo progreso e pola innovación do sector primario e o traballo neste ámbito. O xurado valorará especialmente nas propostas aspectos coma a viabilidade económica, a xeración de riqueza e emprego no agro e a posta en valor da produción da terra.
Os aspirantes deberán entregar o seu proxecto e a documentación correspondente nos rexistros dos campus universitarios de Lugo ou de Santiago de Compostela antes das 14.00 h do 30 de outubro deste ano.
O gañador, cuxa identidade se fará pública durante a segunda quincena de decembro, será recompensado cunha dotación de 10.000 euros.
O Grupo Aresa
Aresa é un grupo empresarial familiar con máis de 40 anos de traxectoria, dedicado á distribución de fertilizantes, pensos e outros produtos para a agricultura e gandería. Conta con 50 empregados e unhas instalacións de 15.000 m2 situadas en Lugo e Begonte, ademais de no municipio rabadense.
A empresa matriz, Aresa, xunto coa súa empresa participada Soaga, é líder na cornixa cantábrica e en Galicia, Castela e Portugal, comercializando anualmente 300.000 toneladas de fertilizantes. Dentro desta ampla oferta destaca o famoso Fertimón, así como a liña de fertilizantes especiais Fertiland, deseñada para o fertilizado de praderías, milleirais, viñedos e patacas.
Recentemente creáronse outras firmas para satisfacer todas as necesidades da xente do rural: Todocampo, cadea de tendas de produtos para a agricultura, a gandería, a xardinería e as mascotas, e Cecoagro, de fabricación de alimentos para o gando e animais de compañía, e un importante mercado de plásticos de agricultura, sementes e fitosanitarios.
O volume de facturación conxunto de Aresa e de Soaga aproxímase aos 200 millóns de euros.