A USC e o grupo empresarial de subministros agrogandeiros Aresa asinaron este luns un novo convenio de colaboración para a posta en marcha do XIII Premio ao Desenvolvemento Rural, en opinión do reitor compostelán “a demostración máis clara do compromiso dunha empresa co ámbito universitario”. No acto interviñeron o reitor Juan Casares e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e estiveron presentes ademais o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus e Lugo, Pedro García, e conselleira de Aresa, Carlota López.
O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural recoñece e incentiva a investigación e o desenvolvemento mediante o apoio á traxectoria persoal ou á actividade empresarial ou institucional innovadora e xeradora de riqueza e benestar no ámbito agrogandeiro, como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida das persoas que traballan no medio rural galego.
Apoio á creación de emprego no medio rural
Nesta ocasión, a convocatoria inclúe como destinatarios do premio aqueles proxectos de creación de empresas orientadas á mellora do medio rural. Deberán ser proxectos de orixe galega, que ofrezan produtos para Galicia, nos que se valorará a capacidade para crear emprego, ademais de que sexa viable e que incorpore a perspectiva da investigación, o desenvolvemento e a innovación. Deste xeito, como subliñou Álvaro Rodríguez Eiras, o premio quere mostrar a súa sensibilidade coa situación actual no contexto económico e, particularmente, no medio rural.
O presidente de Aresa explicou ademais que no caso dos proxectos de creación de empresas, con independencia de si resultan premiados o non, se estudará a posible participación deste grupo no accionariado da futura empresa, ofrecendo ademais asesoramento na procura de financiamento para o seu desenvolvemento
Bases
Poden concorrer a este galardón persoas, grupos de investigación, institucións, asociacións, empresas ou calquera outra entidade que contribúa co seu labor ao desenvolvemento da economía rural galega. Nesta edición o xurado valorará especialmente os proxectos que baseen a súa actividade nos principios do I+D+i, e tamén os que a súa posta en marcha supoña a creación de novos postos de traballo.
Este ano o prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o día 19 de outubro. As persoas interesadas poden achegar a correspondente documentación nos rexistros da USC nos campus de Lugo e Santiago. A resolución do xurado darase a coñecer a finais do mes de decembro deste ano, e a entrega do galardón realizarase nun acto público a finais de xaneiro ou comezos de febreiro de 2013. O premio leva aparellada unha dotación económica de 10.000 euros para o gañador.
Premiados nas edicións anteriores
Na traxectoria deste galardón, creado no ano 2000 e que acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran premiados como o profesor da USC Javier Guitián (en 2001, polo seu estudo sobre os valores biolóxicos da Serra do Courel), a Aula de Produtos Lácteos (ano 2002) ou a Facultade de Veterinaria (2008). Fóra do ámbito universitario, outros gañadores do premio foron a industria cárnica Novafrigsa (2000), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa de TVG ‘O Agro’ (2005), a D.O. Ribeira Sacra (2006), a empresa Ingapán (2009) ou a Asociación de Criadores de Rubia Galega – Acruga (2010).
A título individual tamén recibiron este recoñecemento o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, o lucense Xosé Manuel Rodríguez Silva (2003), e os impulsores da queixería Casa Macán (2007). Na última edición de 2011 premiouse a Sociedade Agraria de Transformación ‘Montes de Trabada’.