O vindeiro venres, no auditorio da Facultade de Veterinaria, terá lugar a entrega do premio Aresa de desenvolvemento rural, que nesta undécima edición recaeu na Asociación de criadores de rubia galega, Acruga. Para o presidente desta asociación , César Dorado, «é un orgullo recibir un premio co prestixio do Aresa».
Así o recoñeceu onte nunha comparecencia ante os medios de comunicación, na que estivo acompañado polo presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, quen recalcou que «o premio a Acruga é moi merecido. Sempre que concedemos un premio facémolo a entidades ou empresas que traballan pola mellora da economía rural e entre os méritos de Acruga figuran o de unificar, dende a súa fundación, a moita xente para traballar nun mesmo obxectivo, como é o da expansión da raza rubia».
Expansión da raza: a esa expansión referiuse Dorado ao apuntar que hoxe xa son preto de 2.800 as ganderías adscritas a Acruga. Tamén segue medrando o censo de cabezas, que nos últimos tres meses pasou de algo máis de 57.000 a máis das 60.000 actuais. Segundo o presidente da Asociación de criadores de raza rubia galega, esta expansión da raza non só se consegue con animais vivos, senón a través da venda de seme, a países tanto de Sudamérica como de Europa. Destacou ademais a importancia que o centro de recría da granxa Gayoso Castro ten para promover a expansión da rubia galega.
Reparcelación: César Dorado referiuse por outra banda á situación pola que está a atravesar o campo, e falou da necesidade de facer cambios como a reparcelación de fincas para que os gandeiros teñan a posibilidade de pasar as súas explotacións de pais a fillos. Neste sentido apuntou que «a administración deberíase implicar máis». Outra das cuestións que, para Dorado, podería mellorar son os prezos da carne. Neste ámbito explicou que dende Acruga faise o posible por axudar aos gandeiros «pagando un prezo moito maior do que o gandeiro obtería no matadoiro por aquelas xatas que sirvan para recría.
O xurado que lle outorgou a Acruga o undécimo premio Aresa estivo composto polo reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long; o vicerreitor do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o vicerreitor de Investigación da Universidade de Murcia, Juan María Vázquez Rojas; o director xeral de Nanta, Francisco Irazusta Rodríguez; e o propio presidente de Aresa.