ACRUGA recollerá o XI Premio Aresa o vindeiro 4 de febreiro na Facultade de Veterinaria

USC

O catedrático de Fundamentos da Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela Alberto Meixide Vecino será este ano o encargado de pronunciar a conferencia titulada ‘Crise Económica, Demografía e Territorio’ no marco da entrega do XI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural que se celebrará o vindeiro 4 de febreiro en Lugo.

O auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo será o lugar onde ACRUGA, colectivo galardoado nesta edición, recolla o premio impulsado pola empresa luguesa Aresa e a USC, nun acto que se celebrará ás 20:30 horas e no que estarán presentes numerosos representantes do sector agrogandeiro e da economía rural tanto da provincia. O sector estará novamente acompañado de numerosas personalidades dos eidos académico, político e social de Galicia.

A Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún, con sede en Lugo, mereceu nesta ocasión o premio pola súa contribución ao desenvolvemento da economía rural galega. Así o decidiu o xurado do certame, composto polo reitor da USC, Juan Casares Long; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o vicerreitor de Investigación da Universidade de Murcia, Juan María Vázquez Rojas; e o director xeral de Nanta, Francisco Irazusta Rodríguez.