A empresa de Monterroso Alibos Galicia é a gañadora da XIV edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, tal e como decidiu o xurado na reunión mantida esta mañá na sede da Vicerreitoría do campus de Lugo. O premio, dotado con 10.000 euros, entregarase o 31 de xaneiro na Facultade de Veterinaria.
A empresa presidida por Jesús Quintá García reúne na súa candidatura os tres rasgos principais para recibir este premio, tal e como se recollía nas bases deste ano, o fomento do emprego, a súa viabilidade e a posta en valor dos produtos da terra. Certamente, os máis de 40 anos de crecemento sostido desta empresa avala a primeira esixencia, o mesmo que fan os 130 postos de traballo que xera en tempada e a posta en valor dun produto tan galego como é a castaña.
Alibos dedícase desde 1968 á elaboración de castaña pelada e conxelada fundamentalmente. De feito, procesa en fábrica máis de 6.000 toneladas ao ano, das que 5.000 se destinan ao consumo humano e o resto son para a alimentación de cerdos da categoría Selecta de Coren.
No ano 2010 iniciaron o Proxecto Soutos, a través dun convenio firmado coa Deputación Provincial de Lugo. Trátase dunha iniciativa coa que se pretende revalorizar o medio rural galego rentabilizando os soutos, os bosques autóctonos, ao mesmo tempo que se loita co despoblamento rural.
A través deste proxecto, Alibos firma un contrato cos propietarios dos soutos para proporcionarlles un servizo integral, desde o asesoramento antes da plantación ata a comercialización, pasando polas fases intermedias de plantación profesional e recollida mecanizada. Nestes tres anos, xa son 225 as hectáreas incluídas nese proxecto, 200 de nova plantación e 25 de recuperación do souto.
O proxecto culmina coa creación dun viveiro de castaños para froito e unha empresa, Soutos Sativa, para asesorar desde a preplantación ata a venda de produto final. Tamén está involucrada no proxecto ‘Integra Castanea’, que ten por obxectivo estudar e mellorar a polinización, micorrización e recollida mecanizada de castañas.
O xurado da edición número XIV do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural estivo formado polo Reitor da USC, Juan Casares Long, e o presidente de Aresa, ÁlvaroGalicia para o abastecemento da industria farmacéutica europea, a cargo de Geneaqua, S.L.; o da veterinaria María Aurora Estrada Fernández, co que pretende a identificación animal por ADN como base para que os produtos cárnicos acaden a trazabilidade total, aumentando deste xeito a seguridade alimentaria; o estudo de Marcos Vázquez Marey sobre as casas de labanza galegas, e o proxecto Viñas Atlánticas, un aplicativo web que se concibe como unha ferramenta ideada para combatir enfermidades propias dos viñedos e axudar a optimizar a aplicación de produtos fitosanitarios.
Rodríguez Eiras asegurou que “un ano máis queda claro que existe unha gran calidade no nosos emprendedores e que son moitos os proxectos que acadan un aproveitamento dos nosos produtos dun xeito exitoso”. Pola súa banda, Casares tamén tivo palabras de agradecemento para o presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, “o mecenas deste galardón, que simboliza o mellor do espírito do empresariado e que contribúe a facer país”.