A empresa de Monterroso Alibos Galicia recibirá este venres, día 31 de xaneiro, o XIV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural na gala de entrega, que se celebrará, como todos os anos, no Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo.
O acto de entrega, que estará presidido polo reitor da USC, Juan Casares Long, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, dará comezo ás 20:00 horas. Ademais do acto de entrega do galardón, os asistentes poderán escoitar a conferencia que ofrecerá Carlos del Álamo Jiménez, presidente de Tecnoma y exconselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, co título ‘A nova PAC, o capital rural e os servizos ambientais’.
Como sempre, ao finalizar o acto, servirase un viño de honra, no que estarán invitados a participar todos os asistentes. A entrega do Premio Aresa é un dos actos máis importantes de Lugo e reúne ás personalidades máis destacadas do mundo social, económico, político e cultural da capital. De feito, todos os anos complétase o aforo deste marco universitario.
Alibós foi a gañadora da XIV edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, tal e como decidiu o xurado no mes de decembro. Así, recibirá 10.000 euros e unha praca conmemorativa do Premio no acto do venres.
A empresa, presidida por Jesús Quintá García, reúne na súa candidatura os tres rasgos principais para recibir este premio, tal e como se recollía nas bases deste ano, o fomento do emprego, a súa viabilidade e a posta en valor dos produtos da terra. Certamente, os máis de 40 anos de crecemento sostido desta empresa avala a primeira esixencia, o mesmo que fan os 130 postos de traballo que xera en tempada e a posta en valor dun produto tan galego como é a castaña.
Alibos dedícase desde 1968 á elaboración de castaña pelada e conxelada fundamentalmente. De feito, procesa en fábrica máis de 6.000 toneladas ao ano, das que 5.000 se destinan ao consumo humano e o resto son para a alimentación de cerdos da categoría Selecta de Coren.
No ano 2010 iniciaron o Proxecto Soutos, a través dun convenio firmado coa Deputación Provincial de Lugo. Trátase dunha iniciativa coa que se pretende revalorizar o medio rural galego rentabilizando os soutos, os bosques autóctonos, ao mesmo tempo que se loita co despoblamento rural.
A través deste proxecto, Alibos firma un contrato cos propietarios dos soutos para proporcionarlles un servizo integral, desde o asesoramento antes da plantación ata a comercialización, pasando polas fases intermedias de plantación profesional e recollida mecanizada. Nestes tres anos, xa son 225 as hectáreas incluídas nese proxecto, 200 de nova plantación e 25 de recuperación do souto.
O proxecto culmina coa creación dun viveiro de castaños para froito e unha empresa, Soutos Sativa, para asesorar desde a preplantación ata a venda de produto final. Tamén está involucrada no proxecto ‘Integra Castanea’, que ten por obxectivo estudar e mellorar a polinización, micorrización e recollida mecanizada de castañas.