Altofalante da tradición a manter

A vicepresidenta do Grupo Aresa, Carlota López, pregoou a XL Moexmu na primeira das tres xornadas da cita, cuxa inauguración contou coa presenza do conselleiro José González.

Moexmu tradicion

«Hoxe, estando aquí, aínda teño máis claro o gran acerto que foi concederlle o premio á Moexmu«, aseguraba Carlota López Pardo, vicepresidenta do Grupo Aresa, cuxo 24º Premio de Desenvolvemento Rural foi este ano para a Mostra Exposición Muimenta (Moexmu). Díxoo nun momento do tradicional pregón que abría a cuadraxésima edición desta gran feira multisectorial chairega que, tras superar este fito, xa ten sinalada unha nova meta: acadar a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia.

Por esta distinción avogou a pregoeira: «Cúmprense todos os requisitos: é unha importante feira gandeira, de carácter cultural, que enxalza as tradicións que os galegos non queremos perder». López aludiu á «singularidade e ao arraigo» da cita e, ante todo, ao que significan iniciativas coma ela, que «manteñen vivo o rural», xunto aos outros dous piares básicos: «Ter traballo e servizos».

«A Moexmu é un altofalante que contribúe a explicarlle á sociedade a radical importancia que ten a Terra Chá para a nosa soberanía alimentaria e, polo tanto, a importancia vital desta terra para o noso presente e futuro», destacaba a pregoeira, mentres que o conselleiro do Medio Rural, José González, salientaba aquilo que se constata ano tras ano na Moexmu, a «capacidade do sector gandeiro, ao nivel de calquera outra rexión de Europa». Incidía así en que esta é unha terra cunha «extraordinaria produción agrogandeira, sendo «líderes», en calidade, en benestar e en condicións hixiénicas e sanitarias, situándose entre as dez rexións europeas de máis produción láctea.

González asegurou que a Xunta seguirá a traballar en iniciativas a prol do rural e quixo agradecer a todos aqueles que fan posible a Moexmu, da que non só destacou a calidade do gando que compite na xornada do sábado no concurso de raza frisoa -participan 90 exemplares de 17 ganderías-, senón tamén as fantásticas instalacións do recinto feiral Manuel Vila, no que este ano o Concello de Cospeito fixo diversas melloras.

«Hai moito traballo detrás», aseguraba pola súa banda o deputado provincial Miguel Fernández, quen incidía tamén no papel desta feira como «referente na defensa e posta en valor do sector agrogandeiro, non só na provincia, senón en toda Galicia», compromentendo tamén a colaboración da Deputación.

Ao seu «total e absoluto apoio» á feira decana de Cospeito tamén facía alusión o alcalde, Armando Castosa, que recordaba que ao importante patrimonio cultural, natural e histórico do concello había que sumar tamén as feiras.

O rexedor agradeceulles unha por unha ás numerosas autoridades asistentes a súa presenza no Moexmu Arena, que onte se estreaba co concurso de preparadores xulgado por Bonet Cid, e entre cuxos sete participantes Lorena Iglesia, María Otero Xabi Montes recibían distincións polo seu bo facer.

Castosa entregáballe tamén unha placa conmemorativa desta cuadraxésima edición ao coordinador da Moexmu, José Manuel Rus. «É para todo o pobo», dicía este ao recollela despois dunha intervención na que lembraba algunhas das datas sinaladas dende aquela primeira edición de 1985.

É que ao longo destas 40 citas houbo moitos cambios e avances, tamén no sector agrogandeiro, mais, como dixo a pregoeira, o que se mantén inalterable é «a ilusión, a enerxía e o bo facer das persoas que organizan esta feira».

E esas xentes de Muimenta representadas pola comisión organizadora -hai seis rotatorias- que neste aniversario preside Tino Méndez, animan a todo o mundo a visitar unha feira que hoxe ofrece o concurso de gando, coas xatas pola mañá e as vacas pola tarde, e a poxa de Africor, e que mañá domingo contará co concurso de manexadores, a entrega de todos os premios gandeiros e o certame de cans de palleiro.