Aresa colabora un ano máis co Campus XuvenCiencia e outorgará o Premio Aresa Júnior

Xuvenciencia

Aresa renova un ano máis a súa colaboración co Campus de Verán XuvenCiencia, unha iniciativa divulgativa promovida pola Universidade de Santiago de Compostela no Campus Terra de Lugo, que nesta edición reúne 95 participantes procedentes de Galicia e doutras comunidades.

O programa, que se desenvolve ata o 3 de xullo, ofrece ao alumnado a posibilidade de achegarse ao mundo universitario e á investigación a través de 16 proxectos vinculados a ámbitos como as ciencias experimentais, as ciencias sociais, as humanidades, a tecnoloxía ou a área biosanitaria.

Como entidade colaboradora, Aresa mantén o seu compromiso coa divulgación científica, a formación da mocidade e a promoción do talento novo, especialmente no eido rural e agroalimentario. No marco desta colaboración, a entidade outorgará novamente o Premio Aresa Júnior, un recoñecemento que distingue as habilidades artísticas e comunicativas dos vídeos elaborados polos equipos participantes para presentar os seus proxectos.

Este premio forma parte do concurso audiovisual do Campus XuvenCiencia, unha actividade coa que o alumnado transforma a aprendizaxe científica nun exercicio de comunicación, creatividade e traballo en equipo. A través desta iniciativa, Aresa contribúe a impulsar novas vocacións, a fomentar a curiosidade investigadora e a achegar a ciencia á sociedade desde idades temperás.

A colaboración con XuvenCiencia reforza a aposta de Aresa por apoiar proxectos educativos e divulgativos que poñen en valor o coñecemento xerado no Campus Terra de Lugo e que axudan a conectar a universidade coa mocidade, co territorio e co futuro do sector primario.