Aresa e a USC asinan un ano máis o convenio que dá o pistoletazo de saída ao Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Firma_convenio_premioaresa2022 2

A adxunta á presidencia do grupo Aresa, Carlota López Pardo, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, asinaron esta tarde o convenio de colaboración que dá comezo ao XXIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. No acto, celebrado na sala de prensa do vicerreitorado de Lugo, tamén estivo presente Francisco José Fraga López, vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo.

Carlota López agradeceu o apoio recibido ano tras ano pola Universidade e subliñou que esta nova convocatoria do galardón conserva o mesmo obxectivo de sempre: “Premiar diferentes iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúan á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural”.

Pola súa banda, o reitor, Antonio López, amosou de parte da Universidade a satisfacción de ter apoiado dende o principio unha iniciativa como o Premio Aresa, que calificou como “positiva e moi axustada ao eixe estratéxico do Campus Terra co sector primario”.

Tras a sinatura protocolaria deste convenio, anunciaron tamén os nomes do xurado desta edición, que estará formado polo presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o reitor da USC, Antonio López; o vicerreitor do Campus de Lugo, Francisco José Fraga, Marius Rubiralta, presidente da Comisión Científica Externa do Campus Terra, e Carmen Lence, CEO de Leite Río.

Na avaliación das candidaturas os cinco membros xurado prestaranlle especial atención aos proxectos que xeren valor engadido e emprego no rural galego, á súa viabilidade económica, á creación de postos de traballo, á posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, á recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais e á innovación en produtos que teñan potencial de desenvolvemento.

A presentación de candidaturas pode realizarse dende hoxe mesmo ata o 13 de xaneiro nos rexistros da USC.

PALMARÉS DE PREMIADOS

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020) e EFA Fonteboa (2021).

Aresa

Contacto

Tel. Lugo +34 982 222 400Tel. Rábade +34 982 390 371info@aresa-agricola.com