O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, e o presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, asinaron esta mañá o convenio de colaboración que pon en marcha a edición do ano 2018 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. No acto, celebrado no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome en Santiago de Compostela, tamén estivo presente a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto.
Esta firma é o punto de partida dunha nova convocatoria deste recoñecido galardón co que Aresa e a USC premian cada ano diferentes iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúa á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural.
Os representantes de ambas entidades coincidiron ao subliñar “a necesidade de seguir apoiando este tipo de proxectos para a dinamización do rural”, como resaltou Antonio López. “Este premio é un bo exemplo para as entidades privadas e ademais hai que salientar o seu carácter aberto, pois acolle todo tipo de iniciativas dende o ámbito máis académico ata o máis real, o das empresas”, engadiu o reitor.
Pola súa parte, o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, transmitiulle ao novo reitor os seus mellores desexos no cargo e explicou que as bases desta décimo novena edición non sufriron cambios con respecto ás anteriores.
Tras a sinatura protocolaria deste convenio, explicaron que na avaliación das candidaturas o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren valor engadido e emprego no rural galego, á súa viabilidade económica, á creación de postos de traballo, á posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, á recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais e á innovación en produtos que teñan potencial de desenvolvemento.
A presentación de candidaturas pode realizarse xa dende hoxe mesmo ata o 26 de outubro nos rexistros da USC
Edicións anteriores
Na traxectoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón creado no ano 2000 e que acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran premiados como o profesor da USC Javier Guitián (en 2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), a Facultade de Veterinaria (2008) e a Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela (2017). Fóra do ámbito universitario, outros gañadores foron a IXP TerneraGallega (2004), o programa de TVG ‘O Agro-labranza’ (2005), a D.O. Ribeira Sacra (2006), a Asociación de Criadores de Rubia Galega – Acruga (2010), a Sociedade Agraria de Transformación ‘Montes de Trabada’ (2011) ou a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) (2016).
Recibiron tamén este galardón o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, o lucense Xosé Manuel Rodríguez Silva (2003); os impulsores da queixería Casa Macán (2007); e empresas como a industria cárnica Nova Novafrigsa (2000), Ingapán (2009), Champivil (2012), Alibós Galicia, que foi a gañadora da edición de 2013, e a Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, que recibiu este galardón na súa edición de 2014. O grupo empresarial galego Agroamb, que atopa a súa sede empresarial no concello lugués de Castro de Rei, resultou merecedor do premio na edición de 2015.