Aresa e a USC entregan o XIX Premio Aresa ao Craega

Premio_aresa2019

Francisco López Valladares, presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega, recolleu esta noite no auditorio da Facultade de Veterinaria do campus lucense o galardón, impulsado conxuntamente polo Grupo Aresa e pola Universidade de Santiago de Compostela e dotado con 10.000 euros e unha placa conmemorativa.  

Na mesa presidencial do acto de entrega do Premio Aresa estiveron o reitor da USC, Antonio López Díaz; o conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, José González Vázquez, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, aos que acompañaron os membros do xurado desta edición, a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva Rodríguez, e o director xeral de Capsa Food, José Armando Tellado Nogueira.

Precisamente, un dos responsables do fallo final deste premio, José Manuel Silva Rodríguez, ofreceu a conferencia maxistral “A produción ecolóxica. Dun mercado testemuñal a unha tendencia irreversible”, durante a que subliñou que “a evolución do mercado e da produción ecolóxica foi radical”.

En cifras, Silva Rodríguez destacou que “nos últimos 10 anos o crecemento deste tipo de produción alcanzou un 60 % e o valor dos produtos ecolóxicos na Unión Europea pasou, do ano 2000 ao 2017, dos 6 mil millóns de euros aos 33 mil millóns de euros”. Falou dun sector que se foi facendo cada vez máis eficaz e especializado e confirmou que “o factor motor deste cambio foi a demanda, pois na última década aumentou máis rapidamente que a produción europea”.

Seguidamente á conferencia tivo lugar a lectura da acta co fallo do xurado por parte da secretaria do mesmo, a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto.

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela e o presidente de Aresa entregaron a placa conmemorativa e os 10.000 euros cos que está dotado o premio.

Álvaro Rodríguez Eiras sinalou da gañadora “a importante labor que desenvolve na defensa da produción agrogandeira ecolóxica de Galicia, pois baixo o seu selo os consumidores teñen a garantía de que os produtos que se poñen á venda como ecolóxicos cumpren coa lexislación vixente nesta materia e esta identificación rompe definitivamente coa falta de rigor que existiu neste senso no pasado”.

O grupo Aresa comercializa dende hai tempo produtos ecolóxicos e, en palabras do seu presidente, “a agricultura e a gandería ecolóxicas forman parte dunha nova realidade do noso sector, teñen un gran porvir e convivirán coa produción convencional de maneira necesaria. Débese combater o debate enfrontado entre as dúas formas de producir, ambas son absolutamente necesarias, distintas e complementarias para dar resposta ao reto de alimentar a poboación mundial”, explicou durante a súa intervención.

O conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, felicitou ao Craega polo recoñecemento recibido xa que “xoga un papel fundamental na expansión da agricultura ecolóxica” e definiu esta produción como “a agricultura do futuro pola súa oferta de produtos sans e saudables, de máxima calidade e concienciada coa nosa contorna”.

O reitor da USC, Antonio López Díaz, clausurou a gala agradecendo ao público a súa presenza, felicitando ao Craega como gañador desta edición e destacando o labor de todas as candidaturas que se presentaron a esta edición, pois “son todas un gran exemplo da posta en valor do rural”, dixo.

Craega, unha longa traxectoria

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega, é o órgano encargado do control e da certificación da agricultura ecolóxica en Galicia. Naceu en 1997 e comezou a súa actividade coa certificación de producións vexetais. Foi nos anos 2000-2001 cando ampliu o seu labor á produción animal e xa no 2010 incluíu a acuícola, pois tamén certifica produtos de pesca, como o mexillón ou a extracción sostible das algas.

Grazas á certificación ecolóxica os consumidores teñen a garantía de que os produtos son elaborados e producidos segundo as normas da agricultura ecolóxica e que son controlados en todo o seu proceso, a súa elaboración, o seu envasado e a súa comercialización. 

O xurado tivo en conta para facer ao Craega merecedor deste premio tres razóns principais: facer que a agricultura ecolóxica sexa un dos motores do desenvolvemento rural, cunha especial resposta á demanda de consumo en Galicia; defender un proxecto de control e regulación da produción de maneira multisectorial, e lograr que a agricultura ecolóxica sexa unha das causas principais para a maior implantación de mozos no mundo rural e agrario.

O presidente do Consello, Francisco López Valladares,  dedicou o premio aos consumidores comprometidos co ecolóxico e agradeceulles aos membros do xurado a entrega deste décimo noveno Premio Aresa, que supón para entidade “un recoñecemento a case 22 anos de traxectoria defendendo o ecolóxico. Este premio pertence aos máis de mil operadores que integran a familia do Craega, porque cada día se erguen para loitar polo rural galego e facer deste país un mellor sitio para vivir. Sen eles non estariamos agora neste auditorio”, apuntou.

O palmarés do Premio Aresa

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016) e a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017).