Aresa e a USC inician a edición 2019 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural coa sinatura do convenio

O presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, asinaron esta mañá o convenio de colaboración que dá comezo a edición do ano 2019 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural.

Firma_convenioaresausc2019 1

No acto, celebrado no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome en Santiago de Compostela, tamén estiveron presentes Montserrat Valcárcel Armesto, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, e Carlota López Pardo, adxunta á presidencia de Aresa.

Esta firma é o inicio dunha nova convocatoria deste galardón co que Aresa e a USC premian cada ano diferentes iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúa á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural.

Os representantes de ambas entidades coincidiron ao subliñar “a necesidade de seguir apoiando este tipo de proxectos para a dinamización do rural” e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, ademais de agradecer o apoio recibido ano tras ano pola Universidade, resaltou “o propósito da empresa por prolongar este acordo por moito tempo”.

Pola súa banda, o reitor Antonio López amosou de parte da Universidade a satisfacción de ter apoiado dende o principio unha iniciativa como o Premio Aresa, que calificou como “un exemplo de conexión entre a Universidade e a empresa privada, relación cada vez máis demandada por toda a sociedade”. Ademais salientou  “o seu carácter aberto, pois acolle todo tipo de iniciativas dende o ámbito máis académico ata o máis real, o das empresas”.

Tras a sinatura protocolaria deste convenio, explicaron que na avaliación das candidaturas o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren valor engadido e emprego no rural galego, á súa viabilidade económica, á creación de postos de traballo, á posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, á recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais e á innovación en produtos que teñan potencial de desenvolvemento.

A presentación de candidaturas pode realizarse xa dende hoxe mesmo ata o 25 de outubro nos rexistros da USC. 

Premiados Anteriores

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016) e a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017). O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) resultou merecedor do premio na edición de 2018.