Aresa e a USC poñen en marcha o XXVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural cun novo convenio de colaboración

Firma_convenio_aresa2025 3

O Pazo de Montenegro de Lugo foi este martes o escenario da sinatura do acordo que dá inicio á edición 2025 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. No acto participaron a presidenta do Grupo Aresa, Carlota López Pardo, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz.

Co novo convenio, Aresa e a USC abren oficialmente a convocatoria dun galardón que cumpre xa 26 anos recoñecendo iniciativas de entidades, empresas, grupos de investigación ou asociacións enfocadas en mellorar a calidade de vida e o desenvolvemento económico e social do medio rural galego.

Durante a súa intervención, López Pardo expresou o seu agradecemento á Universidade polo apoio constante nestas dúas décadas e media de colaboración, ao tempo que animou a participar nesta nova convocatoria.

Tras a sinatura, as entidades detallaron que o xurado valorará con especial interese aquelas propostas que xeren valor engadido e emprego no rural, que acrediten viabilidade económica, que impulsen a posta en valor dos produtos tradicionais galegos, que contribúan á recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros ou que introduzan innovación con potencial de crecemento.

A presidenta de Aresa avanzou tamén a composición do xurado desta edición, que estará formado polo reitor da USC, Antonio López Díaz; o vicerreitor Francisco José Fraga López; a presidente de Aresa, Carlota López Pardo; a CEO de Granja Campomayor, María García Busto; e o catedrático de Química Analítica, Carlos Herrero Latorre.

As candidaturas poden presentarse desde hoxe ata o 16 de xaneiro nos rexistros da USC. As bases completas do certame están dispoñibles neste enlace da nosa web en aresa-agricola.com.

PALMARÉS DE PREMIADOS

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020), EFA Fonteboa (2021), Casa Grande de Xanceda (2022), Moexmu (2023) e Traloagro (2024).