A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo da USC, Montserrat Valcárcel Armesto; o presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e a adxunta á presidencia do mesmo, Carlota López, participaron esta mañá na Vicerreitoría de Lugo no acto de presentación das bases do XX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural.
Na súa intervención, a vicerreitora do campus de Lugo destacou o feito de que esta colaboración fixese posible o apoio a “empresas moi significativas para a provincia de Lugo e para toda Galicia”. Así mesmo, fixo alusión á “visión de futuro” que tiveron no seu momento tanto a Universidade como o grupo Aresa ao crear este galardón: “Hoxe, o desenvolvemento rural xa está nas axendas de todas as institucións políticas, é unha das claves da PAC, pero hai 20 anos non era así”, sinalou.
A adxunta á presidencia de Aresa sumouse ás palabras da vicerreitora e engadiu que o premio segue a manter os mesmos obxectivos cos que se creou, é dicir, “recoñecer a aquelas persoas, institucións e empresas que contribúan a mellorar o benestar do medio rural de Galicia en base á agricultura e á gandería”.
Botando a vista atrás, dende o grupo definiron como “sorprendente” e “moi positivo” o éxito acadado en convocatorias anteriores, tanto no referente aos currículos dos premiados como en canto á difusión en medios. Por este motivo, e logo de 20 anos, López asegurou que “chegamos a esta edición con enerxías e coa necesidade de facelo cada vez mellor para manter ese éxito”.
Por último, o presidente de Aresa referiuse a esta colaboración como unha “tarefa que quixemos asumir co obxectivo de contribuír ao benestar das persoas do medio rural”. Rodríguez Eiras referiuse así á importancia de mellorar a situación do sector a fin de fixar poboación e traballo no rural: “Para iso, agricultores e gandeiros só teñen un camiño, que é producir mellor, máis barato e con mellor calidade para que os nosos produtos poidan chegar a mercados exteriores”.
O presidente de Aresa sinalou tamén a posibilidade que lles abriu este premio ao dar a coñecer algunhas das empresas máis punteiras na nosa comunidade: “No curso destes anos nós obtivemos un beneficio engadido ao chegar a industrias e compañías das que non tiñamos coñecemento e que nos sorprenderon gratamente pola súa modernidade e a súa aposta pola investigación”.
Como cada ano, para a avaliación das candidaturas o xurado prestará especial atención a proxectos que xeren valor engadido e emprego no rural galego, á súa viabilidade económica, á creación de postos de traballo, á posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, á recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais e á innovación en produtos que teñan potencial de desenvolvemento.
A presentación de candidaturas para esta edición pode realizarse ata o 25 de outubro nos rexistros da USC.
PREMIADOS ANTERIORES
Nos dezanove anos traxectoria deste galardón, foron premiados Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016) e a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017). O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) resultou merecedor do premio na edición de 2018.