Asoporcel, XX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Entrega_premio
  • José Barreira Alonso, presidente da Asociación de Criadores de Raza Porco Celta, Asoporcel, recolleu esta noite o galardón pola posta en valor desta raza autóctona galega e dos seus produtos.
  • O premio, impulsado conxuntamente polo Grupo Aresa e pola Universidade de Santiago de Compostela, está dotado con 10.000 euros e unha placa conmemorativa.  

28.02.2020. O auditorio da Facultade de Veterinaria do campus lucense acolleu esta noite a gala de entrega da vixésima edición do Premio Aresa. O acto foi presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López Díaz, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, aos que acompañaron os membros do xurado desta edición, a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o presidente do grupo Nogar e da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira García, e o catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela, investigador e experto internacional en xenética, Ángel Carracedo Álvarez.

Precisamente, este último responsable do fallo final deste premio, Ángel Carracedo Álvarez, ofreceu a conferencia maxistral “A coevolución dos humanos e dos animais”, durante a que explicou as diferenzas xenéticas máis salientables entre ambos, como foron as súas evolucións e de que maneira se influíron ata a actualidade.

Seguidamente á conferencia proxectouse un vídeo conmemorativo do vinte aniversario do Premio Aresa no que se recordou como foi a posta en marcha deste galardón e no que todos os premiados ata o día de hoxe fixeron memoria do que supuxo recibir o Premio Aresa no seu día.

A continuación tivo lugar a lectura da acta co fallo do xurado por parte da secretaria do mesmo, a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e a entrega do Premio a Asoporcel.

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela e o presidente de Aresa entregaron a placa conmemorativa e os 10.000 euros cos que está dotado o premio a José Barreira Alonso, presidente da Asociación.

Asoporcel, 20 anos traballando polo Porco Celta

A Asociación de Criadores de Raza Porco Celta, Asoporcel, é unha entidade sen ánimo de lucro encamiñada á recuperación e conservación do patrimonio xenético da raza porcina Celta. Vixiar a súa variabilidade xenética e buscar a viabilidade comercial para os seus derivados, xunto coa xestión do seu libro xenealóxico, son as súas principais liñas de traballo.

Naceu en 1999 e, ademais de darlle o lugar que lle corresponde á raza, procuran a integración de todos os criadores representando, defendendo e promovendo os seus intereses económicos. Controlan as granxas tanto a nivel xenético como sanitario e, no matadoiro, encárganse de avaliar a calidade das canais e de certificalas co logotipo 100 % Raza Autóctona Porco Celta, unha marca concedida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación hai catro anos.

A maiores, a promoción, difusión e divulgación da raza porcina Celta entre os distintos públicos a través de reunións científicas, culturais, feiras, congresos e publicacións tamén é labor desta Asociación.

Logo de dúas décadas de traballo, a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta engloba na actualidade a un total de 131 explotacións espalladas por toda a comunidade galega, con algo máis de 700 porcas nai, arredor de 180 sementais e un volume de sacrificios anuais en torno a 1.500 animais.

Tras a entrega do XX Premio Aresa, José Barreira, presidente de Asoporcel, dirixiuse ao auditorio ateigado de xente e comezou agradecendo o premio ao grupo Aresa e aos membros do xurado “por confiar no noso labor e polo recoñecemento que isto implica”.

A entrega deste vixésimo Premio Aresa coincide xusto no ano no que Asoporcel tamén celebrou os seus 20 anos de percorrido “asentado na recuperación da raza Porco Celta. Dúas décadas nas que atravesamos boas etapas e non tan boas, pero nas que se conseguiron grandes logros, de feito a raza permanece e somos sabedores dela”, subliñou. 

Asegurou que continuarán “traballando na recuperación e conservación da raza, fomentando o nacemento de novas granxas de Porco Celta, expoñendo os nosos animais nas feiras de gando, celebrando xornadas e festas que xiran en torno a este porco, poñendo os medios para que a calidade sexa a bandeira das súas carnes e soprando en favor dos ventos que fixeron ao Porco Celta aliado dos montes para non sucumbir aos lumes e aliado das aldeas para non perder á xente nova que busca un porvir”. Como obxectivos de futuro tamén adiantaron o proxecto dunha granxa de multiplicación e a creación dunha IXP de Porco Celta.

Tras a entrega do Premio e as palabras de agradecemento do premiado, Víctor Nogueira García, presidente do grupo Nogar e da Asociación Galega da Empresa Familiar, saiu ao estrado para agradecerlle a Aresa e a Universidade a invitación de ser membro do xurado nesta edición e destacou que “no rural hai futuro e Asoporcel é un exemplo disto, de combinación de innovación con defensa da tradición”.

Chegando ao remate da gala, Álvaro Rodríguez Eiras sinalou da gañadora “o importante labor que desenvolve na defensa e posta en valor da raza autóctona galega Porco Celta”, recordou a todos os premiados en edicións anteriores así como a todas as candidaturas que se levan presentado ao Premio e tivo palabras de agradecemento para todos aqueles que, dalgún xeito, lle axudaron a impulsar e continuar coa súa iniciativa, en especial á Universidade de Santiago de Compostela, a todos os reitores que por ela pasaron nestes anos e, sobre todo, a Darío Villanueva, quen lle axudou na posta en marcha do galardón.

Pola súa parte, o reitor da USC, Antonio López Díaz felicitou a Asoporcel e subliñou que “a Universidade debe seguir e seguirá polo camiño da combinación da docencia, da investigación, coa transferencia do coñecemento e a conexión coa realidade e coa sociedade a quen se debe”.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, clausurou a gala agradecendo ao público a súa presenza, felicitando unha vez máis a Asoporcel como gañadora desta vixésima edición e salientando que “na próxima década o rural vai ser o protagonista contra o despoboamento do territorio e o cambio climático. O rural está vivo, hai moita vida intelixente e xente nova no rural e, precisamente, o rural é un dos puntos máis importantes que ten Galicia”.

O palmarés do Premio Aresa

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017) e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018).

Aresa

Contacto

Tel. Lugo +34 982 222 400Tel. Rábade +34 982 390 371info@aresa-agricola.com