Bico de Xeado recibe o XXVI Premio Aresa nunha gala celebrada na Facultade de Veterinaria de Lugo

Gala_aresa 2
  • O xurado distinguiu a Bico de Xeado pola súa inmensa ligazón co medio rural e o sector primario e polas súas tres liñas de traballo: produción leiteira, prestación de servizos e elaboración e comercialización dos seus propios xeados en Galicia e fóra das nosas fronteiras.
  • O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, impulsado conxuntamente polo Grupo Aresa e a Universidade de Santiago de Compostela, está dotado con 10.000 euros e unha placa conmemorativa.
  • A gala, que contou coa presenza da conselleira do Medio Rural, incluíu unha conferencia maxistral a cargo de Hugo Criado Otero, CEO de Medrar.

A Facultade de Veterinaria de Lugo acolleu este venres 27 de febreiro a gala de entrega do XXVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que nesta edición recaeu en Bico de Xeado, iniciativa da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña.

O acto reuniu no auditorio representantes dos ámbitos social, económico, institucional e do sector agrogandeiro e estivo presidido polo vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López, quen estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, e pola presidenta de Aresa, Carlota López Pardo. Tamén estiveron presentes o resto dos membros do xurado desta edición, a CEO de Granxa Campomayor, María García Busto, e o catedrático de Química Analítica da Universidade de Santiago de Compostela, Carlos Herrero Latorre.

O vicerreitor foi o encargado de darlle inicio á gala e, de seguido, deu paso á proxección dun vídeo do reitor da USC, Antonio López Díaz, que nesta ocasión non puido acudir presencialmente ao acto, como viña sendo habitual nos últimos anos.

No seu saúdo, López Díaz felicitou ao premiado e puxo en valor “a súa aposta por saír abrir novos camiños para poñer en valor os produtos naturais da nosa terra cunha mensaxe de calidade coa que todos estamos de acordo”.

Agradeceulle tamén ao Grupo Aresa a confianza depositada na Universidade para “promover a melloría da calidade de vida das persoas que traballan no sector primario” e aproveitou a ocasión para renovar os votos de que “esta colaboración se continúe manifestando en exercicios futuros”.

CONFERENCIA MAXISTRAL

A continuación, o vicerreitor concedeulle a palabra a Hugo Criado Otero, CEO de Medrar, encargado de impartir a conferencia maxistral titulada “Galicia: gandería, pesca e forestal”.

Na súa intervención, puxo o foco na relevancia do sector primario galego dentro da comunidade e destacou a existencia dun “polo lácteo único no mundo nun radio de 60 quilómetros con epicentro en Vilalba, onde conviven algunhas das mellores ganderías de Europa, industrias lácteas multinacionais, queixerías, denominacións de orixe de queixos artesáns, o Campus Terra, unha granxa experimental, empresas tecnolóxicas e auxiliares do sector”.

Criado subliñou que o sector atravesa un momento de cambio, como o conxunto da sociedade, e apelou a “recuperar o orgullo de pertenza para tomar conciencia da posición privilexiada de Galicia á hora de xerar riqueza no que mellor sabemos facer: a gandería, a pesca e o forestal”.

ENTREGA DO GALARDÓN

Inmediatamente despois, Francisco José Fraga López deu lectura pública á acta do xurado, na que se recolleron as razóns polas que foi seleccionada a candidatura de Bico de Xeado: “A súa forte vinculación co medio rural e co sector primario e o desenvolvemento dun proxecto que combina produción leiteira, servizos ao sector e elaboración e comercialización de xeados propios, con presenza en Galicia e tamén fóra das nosas fronteiras”.

A continuación, procedeuse á entrega do Premio Aresa, dotado cunha placa conmemorativa e coa contía económica de 10.000 euros, a José María Calo Faraldo, presidente da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, promotora de Bico de Xeado.

APOSTA POLA INNOVACIÓN E POLO LÁCTEO

Tras recoller o galardón, José María Calo Faraldo agradeceu a distinción e puxo en valor o que, ao seu xuízo, representa este recoñecemento: “Un respaldo ao compromiso da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña co rural e, de xeito moi especial, coa cadea láctea”.

Segundo indicou, o Premio Aresa supón “unha mostra de apoio” ao traballo que realizan desde hai anos para contribuír a fortalecer o sector e seguir xerando actividade e valor no territorio.

No seu discurso, Calo explicou que a innovación continúa a ser a folla de ruta da entidade, tanto no ámbito produtivo como na transformación e na comercialización. Así, referiuse á aposta por avanzar nas granxas “desde a raza, a xenética e o manexo”, e tamén ao desenvolvemento do proxecto Bico de Xeado, que “transforma o leite en produtos elaborados e os leva ao mercado a través de diferentes canles, desde tendas propias e franquiciados ata a restauración”.

Ao mesmo tempo, quixo subliñar que ese camiño non se constrúe en solitario. Para o presidente da cooperativa, a innovación é o rumbo, pero só é posible se vai acompañada de equipos implicados e dunha visión compartida. Nesa liña, afirmou: “Innovar é o camiño, pero só se pode percorrer con compañeiros comprometidos e que compartan un propósito común. Por eles e para eles é este premio que hoxe recollo”.

DEFENSA DO SECTOR

Tras a entrega do Premio, a presidenta do Grupo Aresa, Carlota López Pardo, lembrou que o Premio Aresa celebra a súa vixésimo sexta edición e destacou, un ano máis, “a elevada asistencia ao acto como mostra do interese que esperta todo o relacionado co rural galego”.

Subliñou o papel esencial de agricultores e gandeiros, así como de todas as persoas que co seu traballo “manteñen vivo un ecosistema estratéxico”, cuxo valor para a sociedade, segundo apuntou, “non sempre se percibe na súa verdadeira dimensión”.

López Pardo sinalou tamén a evolución vivida no campo galego ao longo destes 26 anos e puxo o foco nun dos obxectivos principais coa creación do galardón: “Contribuír a que se falase máis do sector agrogandeiro”. Nese senso, afirmou que, na actualidade, “os medios de comunicación recollen con maior intensidade a importancia do rural para o presente e o futuro”, pero insistiu en que “é fundamental que as demandas de agricultores e gandeiros cheguen a quen toma decisións que condicionan a competitividade do sector”.

A presidenta de Aresa recoñeceu que existen normativas necesarias para garantir a calidade e a seguridade dos alimentos, así como o benestar animal, e amosou satisfacción polo nivel de cumprimento en Galicia. Con todo, advertiu de que “esas esixencias deben aplicarse por igual a todos os produtores, tanto dentro como fóra da Unión Europea”. Ademais, puxo o acento na burocracia como un risco cando “ medra de maneira incontrolada, afastada da realidade diaria do campo”. Ao seu xuízo, “pode restar eficiencia, lastrar o traballo e dificultar que as explotacións sigan innovando e mellorando a súa economía”.

Nese marco situou o sentido do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural: “Poñer en valor iniciativas que contribúen á mellora da economía rural e que demostran o gran presente e futuro do rural galego”.

Tras mencionar as candidaturas presentadas nesta edición, felicitou ao premiado, Bico de Xeado, como “exemplo de cooperativa que soubo dignificar e fortalecer o traballo nas explotacións gandeiras e, ao mesmo tempo, poñer en valor a súa produción de leite a través dunha marca asociada á calidade e á aposta polo produto local”. Destacou, ademais, o seu crecemento con presenza en toda a xeografía española e o potencial para seguir medrando mentres prestan servizos técnicos e de asesoramento aos socios, contribúen a facer rendibles as granxas e xeran emprego no rural.

Por último, Carlota López Pardo agradeceu a participación na gala do conferenciante, Hugo Criado Otero, así como a colaboración dos membros do xurado, María García Busto e Carlos Herrero Latorre. Tivo tamén palabras de recoñecemento para o reitor, Antonio López Díaz, e para o vicerreitor, Francisco José Fraga López, que “darán pronto o relevo á fronte da Universidade e mantiveron sempre un cariño especial con este Premio”. Finalmente, dedicou unhas palabras tamén á conselleira do Medio Rural pola “súa implicación co sector e co Premio”, e para todas as persoas asistentes polo seu apoio continuado.

UN PREMIO QUE MARCA RUMBO PARA O RURAL

No tramo final da gala interveu a conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, sinalando que o Premio Aresa vai máis alá de recoñecer unha traxectoria, xa que distingue tamén unha maneira de entender e traballar polo rural.

Gómez Rodríguez subliñou que “o premio é un referente do sector agrogandeiro galego e que marca rumbo cara a un rural rendible, sostible, innovador e con futuro, baseado na colaboración entre tres piares: o sector primario, a industria e a universidade e investigación”.

Por último, afirmou que Bico de Xeado exemplifica ese camiño, “ao apostar por innovar e transformar leite nun produto de alto valor, creando marca, emprego e vencello co territorio”, e felicitou ao equipo premiado como exemplo do futuro que se quere para o rural galego.

O vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López, clausurou a gala lembrando unha vez máis o sentido do Premio Aresa como “un espazo para visibilizar proxectos que fan de Galicia un referente de calidade, innovación e compromiso coa terra”.

Do premiado remarcou que “encaixa á perfección no espírito do Premio, ao engadir valor aos produtos galegos, xerar emprego e contribuír a fixar poboación no territorio, sen perder as raíces e mantendo unha aposta decidida pola calidade”.

E, en nome do xurado, felicitou ao equipo da marca “polo traballo diario para ofrecer o máximo nivel ao consumidor” e tivo tamén palabras de recoñecemento para todas as candidaturas presentadas nesta edición, ás que animou a continuar impulsando proxectos innovadores e a concorrer en futuras convocatorias.

RESTO DE CANDIDATURAS PRESENTADAS

Xunto con Bico de Xeado, nesta edición concorreron as seguintes candidaturas: Cátedra do Pan e do Cereal, Embutidos Suarna, Da Escola á Granxa, Gandería Quintián, Belacolmea, Hifas da Terra, Soc. Coop. O Rodo, Ecogranxa de Riomouro, Vacantes.gal e Azagro.

O PALMARÉS DO PREMIO ARESA

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020), EFA Fonteboa (2021), Casa Grande de Xanceda (2022), a Moexmu (2023) e Traloagro (2024).

A gala, en vídeo:

Entrega do premio

Conferencia de Hugo Criado Otero, CEO de Medrar

Intervención da presidenta de Aresa

Intervención do Vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo (USC)

Intervención da conselleira do Medio Rural