Carlota López Pardo participa no IX Encontro de Conselleiros/as de APD en Santiago

Foto de familia_ix encuentro de consejeros y alta direccion_apd_25 de febrero de 2026 4

A Asociación para o Progreso da Dirección (APD), en colaboración coa Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) e KPMG, celebrou esta mañá en Santiago de Compostela o IX Encontro de Conselleiros/as e Alta Dirección, unha cita que reuniu a máis dun cento de directivos e directivas de empresas galegas para debater sobre os grandes retos actuais dos órganos de goberno.

A xornada comezou coa intervención de Roberto Tojeiro, vicepresidente da zona noroeste de APD e presidente de GADISA, quen apuntou que esta novena edición se desenvolveu “nun momento especialmente esixente para os órganos de goberno”, marcado por riscos tecnolóxicos, presión sobre o talento, a necesidade de impulsar un crecemento sostible e unha crecente complexidade regulatoria, factores que elevan o nivel de responsabilidade dos consellos e da alta dirección.

Pola súa banda, Tona Martínez, vogal da xunta directiva de AGEF e conselleira en FINSA, coincidiu en sinalar o contexto convulso no que se atopan as empresas e destacou a importancia de reservar espazo na axenda para encontros que permitan reflexionar e coñecer boas prácticas doutras organizacións. Na apertura participou tamén Daniel Fraga, socio responsable de KPMG en Galicia, quen puxo o foco no valor destes foros de debate e coñecemento para “ter claro o rumbo” e saber adaptarse aos cambios globais, subliñando ademais a vocación exterior do tecido empresarial galego.

Conversa con Carlota López Pardo sobre gobernanza e contexto xeopolítico

Un dos momentos destacados da mañá foi a conversa entre Daniel Fraga e Carlota López Pardo, presidenta do Grupo Aresa, na que se abordaron os retos e desafíos que afrontan os consellos de administración, desde o impacto do contexto xeopolítico ata os sistemas de gobernanza. Durante a súa intervención, López Pardo explicou o modelo de funcionamento da compañía, sinalando que, no caso do Grupo Aresa, “a familia céntrase no longo prazo, mentres que o equipo directivo se ocupa do día a día con liberdade de acción”. Engadiu tamén que o máis relevante é que as persoas que lideran adopten a cultura da empresa, máis alá de que leven ou non o apelido familiar.

IA, crecemento sostible e talento: eixos do encontro

Ao longo do encontro, os avances tecnolóxicos e a intelixencia artificial tiveron un papel protagonista, coa análise das implicacións estratéxicas da IA xerativa (e axéntica) e dos retos que introduce na gobernanza dos consellos e da alta dirección. Este bloque foi tratado por Ana Peñuela, socia responsable de CIO Advisory de KPMG, e Justo Hidalgo, director de IA da Asociación Española de Economía Digital (ADIGITAL), quen expuxeron os piares necesarios para impulsar proxectos de IA nas organizacións: estratexia, casos de uso, ecosistema tecnolóxico, capacitación das persoas e gobernanza. Tamén destacaron que a IA xa non é opcional para mellorar produtividade e competitividade, pero que non pode substituír o criterio e a experiencia humana.

A mesa redonda principal centrouse na relación entre os retos empresariais e a evolución tecnolóxica, xunto coa procura dun crecemento sostible. Pedro León y Francia, socio responsable do Board Leadership Center e responsable de Empresa Familiar en KPMG, moderou unha conversa con Íñigo Alzueta, presidente executivo de CEAMSA; Gonzalo Redondo, CEO de TELEVÉS; e Jorge Arteaga, CEO de BANDALUX. Entre outras cuestións, subliñaron a necesidade de que a alta dirección actúe con independencia, criterio e obxectividade, e que o crecemento orgánico require afondar nos procesos e impulsar innovación interna para xerar novos produtos.

A última mesa da xornada puxo o foco nas persoas e na fidelización do talento desde o consello. Nela participaron María Caridad García, presidenta de Granja Campomayor, e Elena Rodríguez de Robles, People & Talent Director de Kaleido, baixo a moderación de José Ramón Cuervo, socio responsable de Tax de KPMG en Galicia. Ambas compartiron experiencias sobre a xestión de persoas e destacaron a exemplaridade, a coherencia, a escoita e o propósito como elementos clave para potenciar e reter talento.