Casa Grande de Xanceda gaña o XXIII Premio Aresa

Revelacion_ganhador_aresa_1
  • A produción ecolóxica, o fomento do turismo sostible e a súa aposta pola comunicación en redes foron os tres eixes polos que o xurado decidiu seleccionar a Casa Grande de Xanceda entre as 17 candidaturas presentadas este ano.
  • A gala de entrega do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que convocan a Universidade de Santiago de Compostela e o grupo Aresa, terá lugar o vindeiro 10 de marzo.

En vídeo

A candidatura presentada por Casa Grande de Xanceda resultou a gañadora do XXIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, segundo deu a coñecer este martes, no lugués Pazo de Montenegro, o xurado encargado de emitir o ditame dun galardón, convocado polo Grupo Aresa e a USC, que, nesta edición, recibiu 17 candidaturas.

O tribunal desta vixésimo terceira edición estivo integrado por Antonio López, reitor da USC; Carlota López, adxunta á Presidencia de Aresa; Francisco José Fraga, vicerreitor do Campus de Lugo; Marius Rubiralta, presidente da Comisión Científica Externa do Campus Terra, e Carmen Lence, CEO de Leite Río.

A adxunta á Presidencia do grupo Aresa, Carlota López, deulle as grazas á Universidade polo “seu apoio para seguir adiante con esta iniciativa” e a Carmen Lence e Marius Rubiralta “pola súas achegas como xurado, coñecedores da realidade do rural galego”. 

Tamén salientou o éxito da convocatoria, con 17 candidaturas que cumpren coas premisas do premio: “Contribuír coa riqueza e co benestar da xente que vive e traballa no rural galego”.

Seguidamente, a CEO de Leite Río fixo mención especial a tres propostas “inspiradoras para as mulleres e os mozos que queiran apostar polo rural, como son Lugar da Veiga, Traloagro e Casa Grande de Xanceda” e Marius Rubiralta destacou outras catro empresas e proxectos innovadores, como “CampoLab, a Asociación Apícola de Galicia Belacolmea, Galinsect e a Estratexia para a loita ecolóxica contra a rata toupa”.

Para rematar o acto, o vicerreitor do Campus de Lugo, Francisco José Fraga, valorou a calidade e diversidade das candidaturas e anunciou que “tras estudar a fondo todas elas, acordamos por unanimidade que a vencedora desta vixésimo terceira edición do Premio Aresa fose a presentada por Casa Grande de Xanceda pola súa produción ecolóxica, o fomento do turismo sostible e a súa aposta pola comunicación en redes sociais para difundir a realidade do rural”.

ENTREGA DO PREMIO

Finalmente, Carlota López deu por rematado o acto adiantando a data na que se entregará o premio: “Será o vindeiro 10 de marzo de 2023 no auditorio da facultade de Veterinaria do Campus de Lugo”.

O Premio Aresa está dotado con 10.000 euros e unha placa conmemorativa.

CANDIDATURAS PRESENTADAS

Ademais de Casa Grande de Xanceda, este é o listado de candidaturas presentadas a esta edición do Premio Aresa: Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira Acivo, Savelo, CampoLab, Agrupación Apícola de Galicia Belacolmea, La Abuela Delfina, Airas Moniz, Lugar da Veiga, Son de Lugo, Muiñeiras de Requiande, Traloagro,  Comunidade de montes veciñais en man común de Couso, Slow Food Compostela, Galinsect, Dos Dog, Tres Fuciños. Estratexia para a loita ecolóxica contra a rata toupa e Casa Grande de Xanceda.

Aresa logo

Talento

Tel. Lugo +34 982 222 400Tel. Rábade +34 982 390 371info@aresa-agricola.com