Continúa aberto o prazo de presentación de candidatos á XV edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

A Universidade de Santiago e o grupo empresarial Aresa manteñen aberto ata o 31 de outubro o prazo de participación na que xa é a XV edición do Premio de Desenvolvemento Rural. Este ano, o premio ábrese a novas categorías de participación para chegar a todas as iniciativas en favor do rural.

Os subsectores agrogandeiros, tanto os tradicionais como aqueles que teñen actualmente potencial de desenvolvemento, serán os protagonistas desta décimo quinta edición. De feito, o xurado deste ano valorará novamente nos candidatos a viabilidade económica, a creación de emprego e a posta en valor dos produtos da terra. Pero ademais teranse en conta aqueles proxectos que supoñan a recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais que teñen potencial, do mesmo xeito que aqueles que supoñan innovación de produtos, métodos produtivos, etc.

A segunda novidade desta edición será que tamén poderán optar ao premio aquelas iniciativas empresariais que aínda están en fase de proxecto, xa que ata de agora aceptábanse unicamente proxectos xa iniciados ou asentados. Tamén poderán optar ao premio, como en anos anteriores, aqueles traballos de I+D+i que sexan orixinais e que teñan aplicación práctica para o desenvolvemento rural.

O Premio Aresa manterá deste xeito o seu obxectivo orixinario que segue a ser atopar un proxecto representativo que mellore a calidade de vida e o benestar das persoas que viven e traballan no medio rural galego.

Nesta XV edición do Premio Aresa as candidaturas faranse públicas novamente (a no ser que o candidato exprese o seu desexo concreto de privacidade) co obxectivo de dar a coñecer ao público en xeral os proxectos que hai en marcha en Galicia para que podan conseguir o respaldo de empresas ou institucións.

As redes sociais utilizaranse para este labor, xa que na súa páxina de Facebook (https://www.facebook.com/Premio.Aresa) poderán consultarse os proxectos que se vaian presentando, así como as distintas particularidades do Premio. As bases poden consultarse xa na web oficial, www.premioaresa.com.

O prazo de presentación de candidaturas rematará o 31 de outubro e a selección do gañador realizarase no mes de decembro, como ven sendo habitual, antes do Nadal. O ámbito de actuación ábrese a toda Galicia polo que están invitadas a participar todas as empresas, persoas e institucións vinculadas co emprendemento e a investigación no sector agrogandeiro galego. A presentación de candidaturas levarase a cabo nas oficinas de Rexistro dos campus da USC.

A contía do premio segue a ser de 10.000 euros, o que convirte a esta convocatoria nunha das máis relevantes do sector. Este ano, ademais, ofrecerase a posiblidade á empresa gañadora de solicitar asesoramento e axuda para o desenvolvemento do proxecto.