EFA Fonteboa, Arnigal Cultivos, Cooperativa A Carqueixa e Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata toupa, finalistas da vixésimo primeira edición do Premio Aresa

Reunion_xurado 2

O vicerreitorado do Campus de Lugo foi o lugar elixido para dar a coñecer  os finalistas desta edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que convocan a Universidade de Santiago de Compostela e o grupo Aresa.

Os cinco membros do xurado, composto por Antonio López Díaz, reitor da USC; Álvaro Rodríguez Eiras, presidente de Aresa; Montserrat Valcárcel Armesto, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo; Manuel Gómez-Franqueira, presidente do Grupo Coren, e María José Alonso Fernández, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, reuníronse esta tarde no vicerreitorado do Campus lucense para avaliar as dezaseis candidaturas presentadas e deron a coñecer os nomes das catro finalistas desta vixésimo primeira edición do Premio Aresa.  

Neste ano, marcado pola inesperada chegada da covid-19 e o constante esforzo do sector por se adaptar a esta nova realidade, o xurado valorou con especial atención as iniciativas que redefiniran o seu modelo de negocio durante a pandemia, creasen un novo proxecto ou axudasen a outros, sen esquecerse da finalidade esencial do Premio, que é recoñecer entidades, empresas, grupos de investigación, asociacións ou persoas individuais, que contribúen de forma decisiva a crear riqueza nos ámbitos agrícola e/ou gandeiro, xerando postos de traballo de calidade no rural, poñendo en valor os produtos da terra, recuperando subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais con potencial para desenvolverse e buscando innovar en produtos e métodos produtivos.

Así, segundo anunciaron, as candidaturas finalistas elixidas por unanimidade por cumprir con todos os requisitos das bases do Premio son Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, Arnigal Cultivos, Cooperativa A Carqueixa e Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata toupa, presentada por Pablo Sánchez Quinteiro.

O gañador do XXI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, dotado cunha placa conmemorativa e 10.000 euros, darase a coñecer o vindeiro 11 de febreiro ás 12:30 h nunha gala que será transmitida por streaming.

MÉRITOS DOS FINALISTAS

Entre os finalistas, o Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa xorde no ano 1975 como unha iniciativa social para dar resposta ás necesidades de formación do medio rural e desde ese ano leva graduado a uns 1.100 estudantes en Formación Profesional Agraria, a maioría dos cales están incorporados a explotacións agrarias e contribúen no fortalecemento do tecido económico e social dos concellos rurais.

Pola súa parte, Arnigal Cultivos nace da innovación en varias áreas para manter unha produción de Arnica montana constante e necesaria para a súa explotación comercial, pois unha parte importante da flor de árnica utilizada pola industria farmacéutica e cosmética provén da recollida en Galicia. Comezou a súa actividade en febreiro de 2020 coa comercialización dunha gama de tres produtos e coa aposta pola sostibilidade mediante o cultivo ecolóxico, así como a utilización de solventes e tecnoloxías verdes de extracción e a xestión e reutilización de residuos.

O terceiro dos finalistas anunciados esta tarde, Cooperativa A Carqueixa, ten a súa orixe en 1994, ano no que se fundou para a comercialización conxunta de xatos e a compra de insumos, adquirir máis dimensión como colectivo e conseguir que os produtores de carne de Cervantes fosen un sector máis forte e cohesionado. A día de hoxe está formada por uns 200 cooperativistas.

Por último, o proxecto`Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata toupa´, presentado por Pablo Sánchez Quinteiro, pretende aportar a experiencia dos membos do grupo de Neuroanatomía do departamento de Anatomía da Facultade de Veterinaria da USC no estudio da comunicación química dos mamíferos para o desenvolvemento dunha estratexia de control para este tipo de praga basándose na utilización de sinais químicas producidas pola propia rata topo (feromonas) e polos seus depredadores, fundamentalmente o raposo (cairomonas), nas zonas afectadas.

Ademais dos méritos das catro elixidas, recoñeceron a calidade do resto de propostas presentadas: Cátedra Da Cunha do pan e do cereal, de Ángeles Romero e Santiago Pereira (Campus Terra da USC); Aeiroá; O Mundo do Souto; H2GZ Terrazas Agrícolas Robotizadas en Mondoñedo; Muuhlloa; As vacas da Ulloa SCG; Trigo y Limpio; Gandería Quintián; Sistema comunal de xestión da Comunidade Montes Veciñais en Man Común de Couso (Pontevedra); Verín Biocoop SCG; Corazón de Carballo, e Conservas do Támega.

Aresa logo

Contacto

Tel. Lugo +34 982 222 400Tel. Rábade +34 982 390 371info@aresa-agricola.com