Entregado o Premio Aresa Júnior na clausura de Xuvenciencia 2021

Premios_aresa_junior

Os estudantes do proxecto P04 ‘Aqualab’ (máis Carla de P01 Xornalismo), participantes no VII Campus de Verán XuvenCiencia de Lugo, foron distinguidos hoxe polo grupo Aresa.

Este venres 2 de xullo tivo lugar na Facultade de Veterinaria de Lugo, no transcurso da clausura da edición de 2021 do XuvenCiencia, a entrega do Premio Aresa Júnior de Desenvolvemento Rural que concede por sétimo ano o grupo Aresa.

A convocatoria xuntou uns 65 participantes, rapazas e rapaces preuniversitarios, que do 28 de xuño ao 2 de xullo, dentro do programa de actividades deste Campus Científico de Verán, levaron a cabo diversos proxectos científicos baixo a dirección de profesores da Universidade de Santiago de Compostela.

Durante a clausura do Campus, Carlota López, adxunta á presidencia do grupo Aresa, fíxolles entrega do Premio Aresa Júnior de Desenvolvemento Rural, consistente nun diploma honorífico e nun regalo, aos creadores do proxecto P04 ‘Aqualab’, máis Carla de P01 de Xornalismo.