Este xoves finaliza o prazo para presentar candidaturas ao XXI Premio Aresa

Premioaresa

O prazo para a presentación de candidaturas á edición de 2020 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, convocado pola Universidade de Santiago de Compostela e o Grupo Aresa, remata este xoves 31 de decembro. 

As bases están dispoñibles na web www.premioaresa.com e os aspirantes deben entregar a documentación correspondente nos rexistros xerais, tanto físico como electrónico, dos campus universitarios de Lugo (no Edificio dos Servizos Centrais) ou de Santiago de Compostela (no Colexio de San Xerome) antes das 14.00 h do vindeiro 31 de decembro.

O galardón está dotado con 10.000 euros e será un xurado especializado o que examinará todas as candidaturas e dará a coñecer publicamente o nome da gañadora nunha data aínda sen determinar, no mes de xaneiro de 2021.

Esta edición será máis especial ca nunca, pois está marcada polo marco sanitario no que estamos e a nova realidade que marcou inesperadamente a chegada da covid-19, que constatou a importancia do sector agrícola e gandeiro como motor económico e fonte de riqueza de Galicia, afectoulle á engrenaxe e ao día a día de moitas empresas e colectivos, pero tamén abriu as portas a novas formas de vida nas que o rural se contempla como saída e futuro.

Nesta ocasión quérese axudar e valorar as iniciativas que redefiniran o seu modelo de negocio durante a pandemia, creasen un novo proxecto ou axudasen a outros nesta nova realidade.