O prazo para a presentación de candidaturas á edición de 2019 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, convocado pola Universidade de Santiago de Compostela e o Grupo Aresa, remata este vindeiro venres 25 de outubro.
As bases están dispoñibles na web www.aresa-agricola.com e os aspirantes deben entregar a documentación correspondente nos rexistros xerais dos campus universitarios de Lugo (no Edificio dos Servizos Centrais) ou de Santiago de Compostela (no Colexio de San Xerome) antes das 14.00 h do venres 25 de outubro.
O Premio Aresa premia cada ano iniciativas e proxectos presentados por entidades, empresas, grupos de investigación, asociacións ou persoas individuais, que contribúan á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural galego.
Está dotado con 10.000 euros e será un xurado especializado o que examinará todas as candidaturas e dará a coñecer publicamente o nome da gañadora nunha data aínda sen determinar.