O xurado premiará o traballo a prol do desenvolvemento da economía rural galega
O xurado do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que promoven a USC e o grupo lugués Aresa, dará a coñecer a vindeira semana o nome do gañador deste ano, de entre todas as persoas, grupos de investigación, institucións, asociacións, empresas ou calquera outro tipo de entidade que contribúa ao desenvolvemento da economía rural galega e que teña presentado os seus traballos de investigación, iniciativas empresariais ou traxectorias persoais ou institucionais antes do 16 de outubro.
O Premio Aresa ao Desenvolvemento Rural, dotado con dez mil euros, celebra este ano o seu décimo aniversario, o que lle outorga un sentido moi especial xa que esta celebración confirma que se trata dun certame moi recoñecido e asentado na sociedade galega, e que acadou unha grande importancia tanto pola súa traxectoria como polos currículos dos premiados en todas as edicións.
Este galardón ven recoñecer e incentivar o I+D nos eidos agrícola e gandeiro como elementos fundamentais cara a mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas que traballan na zona rural galega, con especial atención ás particularidades da economía luguesa, dando prioridade á sostibilidade dos recursos naturais e o respecto á natureza.
O xurado deste ano está composto polo reitor da USC, Senén Barro Ameneiro; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o reitor da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria, José Regidor García; e o ex-reitor da USC e académico da Real Academia Española da Lingua, Darío Villanueva Prieto.
Dez anos do Premio Aresa
O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural naceu no ano 2000 por iniciativa do presidente da corporación Álvaro Rodríguez Eiras, coa intención de favorecer o desenvolvemento e a promoción do medio rural galego. Nesta aventura colleu da man á Universidade de Santiago de Compostela, vinculada ó sector labrego polas múltiples titulacións relacionadas coa agricultura, a silvicultura e a gandería que ofrece.
Dez anos despois, o certame é un dos máis recoñecidos dentro do sector profesional ao que se dirixe, tanto polo seu prestixio como pola dotación económica da que vén acompañado.
Algún dos nomes propios que conforman a historia deste premio son a industria cárnica Novafrigsa, recoñecida na primeira edición, e á que lle seguiron o profesor da USC Javier Guitián, a Aula de Produtos Lácteos, o por aquel entón director xeral de Agricultura na Comisión Europea, Xosé Manuel Silva Rodríguez, a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, o programa O Agro-Labranza, o Consello Regulador de Denominación de Orixe Ribeira Sacra, a Queixería Casa-Macán e a Facultade de Veterinaria de Lugo, recoñecida no ano 2008.
Publicado en: USC