O grupo Aresa renova o seu portal web

Web_aresa

Baixo o mesmo dominio aresa-agricola.com, a web do grupo Aresa acaba de renovarse cunha imaxe moito máis actual e innovadora, co único obxectivo de seguir dando a coñecer a empresa, os seus servizos e os seus produtos.

O grupo Aresa, especializado na fabricación, asesoramento e venda de solucións de fertilización para profesionais do campo, acaba de renovar a súa páxina web para mellorar a experiencia do usuario cunha estrutura de navegación fácil e con todos os contidos que poden interesar sobre a entidade.

Seguindo o menú do portal pódese facer un percorrido polos cincuenta anos de historia da empresa, desde 1971, ano da súa fundación, ata a actualidade; coñecer os valores cos que pouco a pouco foron gañando a confianza dos seus clientes; afondar sobre os servizos que presta o seu equipo técnico e ollar a ampla gama de fertilizantes e últimas tecnoloxías que ten no mercado.

Ademais, a web garda un espazo personalizado para o Premio Aresa, un galardón con máis de 20 anos de traxectoria, co que o grupo Aresa, da man da Universidade de Santiago de Compostela, recoñece e premia cada ano a empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outra entidade que contribúa co seu labor ao desenvolvemento da economía rural de Galicia. Neste apartado, publícanse, cada edición, as bases do Premio, as noticias ligadas á evolución de cada convocatoria e os premiados.

Por último, o portal aresa-agricola.com contén un espazo dedicado á actualidade da empresa no que se farán públicas todas as noticias relevantes do grupo, do Premio e calquera estudo ou artigo técnico que poida ser de interese para os seus clientes e seguidores. Deste xeito, Aresa segue apostando pola mellora continua da súa empresa e pola posta en marcha de iniciativas que a manteñan sempre concordante coa propia evolución da sociedade e as novas tecnoloxías, tanto é así, que esta nova web responde ao concepto responsive, un deseño web que permite adaptar a súa apariencia a calquera dispositivo ou navegador desde a que se poida visitar.

Aresa

Contacto

Tel. Lugo +34 982 222 400Tel. Rábade +34 982 390 371info@aresa-agricola.com