O Grupo Chairego Agroamb recolleu o XVI Premio ARESA de Desenvolvemento Rural

Severiano Ónega, administrador único de Agroamb, recibiu esta noite no auditorio da Facultade de Veterinaria do campus lucense este galardón, impulsado conxuntamente pola Universidade de Santiago de Compostela e por Aresa e dotado con 10.000 euros e cunha placa conmemorativa.  

Xvi premio aresa 1

A cerimonia do Premio Aresa, que, coma noutras convocatorias, congregou personalidades dos eidos social, económico, político e cultural, estivo presidida polo reitor da USC, Juan Viaño Rey, acompañado na mesa pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez; polo fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e por Jesús Quintá García e Javier Guitián Martínez, membros do xurado desta edición.

Guitián, formado en Lugo e actualmente catedrático de Saúde Pública Veterinaria do Royal Veterinary College da Universidade de Londres, foi o encargado de ofrecer a lección maxistral, que versou sobre o que pode facer a universidade polo sector agrícola.

Durante a súa intervención referiuse a gandeiros, agricultores, agrónomos e veterinarios como “pezas fundamentais” nos procesos de produción de alimentos inocuos e de calidade, resaltou a necesidade de mantemento dunha colaboración estreita entre os investigadores e o sector agropecuario e criticou que os actuais sistemas de avaliación das universidades enfaticen a calidade científica pero ignoren o impacto da investigación na sociedade, así como a adopción dos resultados por parte dos diferentes sectores. 

Seguidamente tivo lugar a entrega do galardón a Agroamb, de quen Álvaro Rodríguez Eiras destacou que “contribúe de forma decisiva a xerar emprego e riqueza nos ámbitos agrícola e gandeiro a través da posta en valor dos produtos da terra e da recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros. Polo tanto, contribúe ao desenvolvemento e á mellora do medio rural galego, que é o obxectivo do Premio Aresa”.

Valores que tamén puxo de relevo o reitor da USC ao afirmar que “a economía rural precisa de innovación, de talento e de recursos” e que o Premio Aresa constitúe “un claro exemplo do éxito que se pode acadar cando unha empresa responsable como Aresa pon recursos, outra empresa como Agroamb pon innovación e un investigador como Javier Guitián pon talento”.

O grupo Agroamb, con sede na Ponte de Outeiro (Castro de Rei), foi o primeiro xestor en Galicia en ser autorizado pola Administración para o uso de residuos orgánicos na agricultura e en converterse na empresa líder desta actividade. Ademais, deu lugar a 38 postos de traballo directos e máis de 150 indirectos, e diversificouse coa creación de novas iniciativas empresariais en torno á explotación en común da terra, a prestación de servizos agrícolas ou a loxística con contedores.   

Outro dos aspectos subliñados foi a súa especial contribución a xerar riqueza nos ámbitos agrícola e gandeiro, procesando e reciclando máis de 250.000 toneladas ao ano de residuos.

Por último, o xurado tivo en conta a súa internacionalización, iniciada coa implantación dunha oficina comercial no Paraguai, e o seu investimento en investigación, en colaboración coas universidades galegas.  

Severiano Ónega dedicoulle o Premio Aresa ao seu pai, “o verdadeiro promotor e alma máter, xunto con nosa nai, deste proxecto que anda e avanza”, e lembrouse das súas orixes: “Este é un proxecto antigo que non se inicia con nós (Álvaro e eu), os actuais promotores e responsables, senón que vén de atrás, da semente de implicación, compromiso e esforzo titánico que deixaron nosos pais, e, á súa vez, de toda unha xeración de mulleres e homes autónomos que, en circunstancias moi difíciles de posguerra, fixeron unha especie de emigración interior para a mellora das condicións socioeconómicas propias e do seu entorno e, sen moverse do seu sitio, o rural, levantaron a penuria e acadaron niveis de desenvolvemento impensables”.

O palmarés do Premio Aresa

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013) e a DO Queixo San Simón da Costa (2014).