O II Premio ARESA Júnior de Desenvolvemento rural recae nun proxecto sobre o comportamento dos solos

O traballo de investigación realizado por un grupo de alumnas de centros de ensino de Ames, Guitiriz, Ribadeo e Vigo durante o III Campus de Verán XuvenCiencia de Lugo foi distinguido hoxe polo grupo Aresa entre un total de 23 candidaturas.

Premiadas_aresa_junior_2015

Esta tarde tivo lugar na Residencia Universitaria Abeiro de Lugo, no transcurso da festa de clausura da edición de 2015 do XuvenCiencia, a entrega do Premio Aresa Júnior de Desenvolvemento Rural que concede por segundo ano consecutivo o grupo Aresa.

A convocatoria xuntou 120 participantes, rapazas e rapaces de 16 e 17 anos de toda Galicia distribuídos en 23 grupos, que do 22 ao 26 de xuño, dentro do programa de actividades do Campus de Verán, levaron a cabo diversos proxectos científico-técnicos e científico-sociais baixo a dirección de profesores da Universidade.

As correspondentes presentacións en vídeo destes estudantes de 4.º da ESO e de 1.º de BAC fixéronse hoxe na Facultade de Veterinaria de Lugo ante un xurado integrado por Montserrat Valcárcel, en representación do XuvenCiencia; Miguel Ángel de Cesáreo, da Área TIC da Deputación Provincial de Lugo, e Carlota López, adxunta á presidencia de Aresa.

O fallo dos membros do xurado converteu en gañadoras do II Premio Aresa Júnior a María Calvo Ezara (Ames), Sabela Salgueiro García (Guitiriz), Karen Sara Colares Sena (Ribadeo) e Uxía Cosmed Peralejo (Vigo), autoras do proxecto “Mira ben por onde pisas!”. Trátase dunha análise do comportamento do terreo no que se asentan as obras de enxeñería; as rapazas tomaron mostras de chans areosos e arxilosos e sometéronas a distintas probas de resistencia para coñecer a súa resposta fronte a esforzos externos, cargas aplicadas ou cambios na humidade.

O premio, consistente nun diploma honorífico e nuns reloxos fitness, foille entregado en man ás galardoadas por Carlota López, quen valorou positivamente a iniciativa do XuvenCiencia coma un primeiro achegamento da mocidade ao mundo universitario.

ÁLBUM DE FOTOS