O interese social prima nos catorce traballos finalistas do Premio Aresa

Catorce traballos chegan á fase final da sétima convocatoria do «Premio Aresa de desenvolvemento rural», que promoven a Universidade de Santiago e a compañía Aresa. O interese social e a calidade dos mesmos é o denominador común das propostas. O gañador percibirá dez mil euros, o galardón mellor dotado de cantos na súa especialidade se outorgan en Galicia.

Os membros do xurado reuniranse en Lugo o vindeiro mes de decembro para fallar o premio. Como en anteriores convocatorias formarán o xurado o reitor Senén Barro, o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e outras dúas personalidades vencelladas coa Universidade e o sector empresarial pendentes de confirmar.

O Premio Aresa busca incentivar a investigación e o desenvolvemento, así como as iniciativas empresariais innovadoras na agricultura e na gandería de Galicia. O galardón tamén recoñece traxectorias persoais, empresariais ou institucionais innovadoras na área agrogandeira, como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas vencelladas ao medio rural galego. Está organizado pola Universidade de Santiago e Aresa, unha compañía lucense que opera no sector dos fertilizantes e produtos gandeiros en España e Portugal.

As últimas edicións do Premio Aresa suscitaron un grande interese entre a comunidade científica galega e entre o empresariado. Por iso, o presidente da compañía lucense, Álvaro Rodríguez Eiras, decidiu que o que nacera como unha actuación única de mecenado se convertese nunha convocatoria de periodicidade anual. Este premio recaeu na súa primeira edición na industria cárnica Novafrigsa (Grupo Coren), mentres que no 2001 foi recoñecido o investigador Javier Guitián Rivera, por un estudio multidisciplinar sobre a serra de O Courel. Na terceira edición foi distinguida co galardón á Aula de Produtos Lácteos, centro de investigación integrado no Instituto de Investigación e Análises Alimentarias da Universidade de Santiago; na cuarta convocatoria o galardón foi parar a José Manuel Silva Rodríguez, daquela director xeral de Agricultura na Comisión Europea e na quinta foi para a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega. O premio distinguiu o ano pasado ó programa da Televisión de Galicia «O Agro-Labranza» por ser testemuña directa da transformación da cultura agraria e do espazo rural.

Aresa

Contacto

Tel. Lugo +34 982 222 400Tel. Rábade +34 982 390 371info@aresa-agricola.com