Por ser un modelo na aplicación de sistemas de calidade, na integración das novas tecnoloxías, na posta en marcha de novas liñas de produción e na apertura de sectores aínda non explotados, Eladio Rigueira Sobrado, propietario da queixería Casa Macán, acaba de obter o premio Aresa de desenvolvemento rural, na súa oitava edición, cuxo fallo deron a coñecer onte os cinco membros do xurado: Senén Barro, reitor da Universidade de Santiago; Álvaro Rodríguez Eiras, presidente de Aresa; Carlos Herrero, vicerreitor do campus de Lugo; José Ramón Alonso Peña, reitor da Universidade de Salamanca, e Aniceto Charro Salgado, catedrático de Endocrinoloxía e Nutrición da Facultade de Medicina da Universidade Complutense de Madrid.
A candidatura de Eladio Rigueira impúxose ás outras oito que concorrían á presente edición deste galardón. Todas elas eran, en palabras de Senén Barro, «candidaturas moi interesantes e igualmente merecedoras de obter o premio Aresa», que será entregado o 18 de xaneiro e que está dotado con dez mil euros e un diploma de mérito.
Barro destacou do premiado que está á fronte dunha iniciativa, enmarcada no ámbito do emprendemento, que nun curto espazo de tempo se situou na vangarda do sector, grazas á súa aposta pola tecnoloxía, a calidade e os produtos innovadores. O reitor da USC sinalou ademais que aínda que é importante ter grandes empresas, non hai que esquecer que o sector no que o premiado desenvolve a súa actividade está sustentado nun 90 por cento por pemes «que son as que sosteñen o noso medio rural. Non todo é crecer e ter un nicho de mercado, iso hai que ilo gañando».
Pola súa banda, o presidente do Consello de Administración do grupo Aresa salientou o acerto deste premio, porque a que hai cinco anos era unha empresa que estaba dando os seus primeiros pasos, hoxe xa é unha empresa grande e aínda o poderá ser máis no futuro.