As persoas, entidades ou iniciativas interesadas en optar a este galardón, convocado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Grupo Aresa, deberán rexistrar a documentación requirida nos rexistros xerais da USC, tanto en formato presencial como a través do rexistro electrónico, nos campus de Lugo ou Santiago de Compostela.
As bases da convocatoria poden consultarse na web www.aresa-agricola.com, onde tamén se detalla a documentación necesaria para formalizar a candidatura.
O Premio Aresa, que acada este ano a súa vixésimo sexta edición, está dotado con 10.000 euros e un diploma de mérito, e ten como obxectivo recoñecer traxectorias, proxectos e achegas destacadas vinculadas ao desenvolvemento rural.
O proceso de avaliación das candidaturas estará a cargo dun comité integrado polo reitor da USC, Antonio López Díaz; o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López; a presidenta de Aresa, Carlota López Pardo; a CEO de Granja Campomayor, María García Busto; e o catedrático de Química Analítica, Carlos Herrero Latorre. O nome da candidatura gañadora darase a coñecer publicamente nunha data aínda por determinar.
PREMIADOS ANTERIORES
Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020), EFA Fonteboa (2021), Casa Grande de Xanceda (2022), a Moexmu (2023) e Traloagro (2024).

