O reitor da Universidade de Salamanca, José Ramón Alonso Peña, e o catedrático de Endocrinoloxía e Nutrición da facultade de Medicina da Complutense de Madrid, Aniceto Charro Salgado, completan o xurado da oitava convocatoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. O certame, que promoven a Universidade de Santiago e a compañía Aresa, ten como obxectivo incentivar a investigación e o desenvolvemento do eido rural, así como as iniciativas empresariais innovadoras no sector.
O reitor da USC, Senén Barro, xunto co vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, e o presidente do grupo empresarial que dá nome ao galardón, Álvaro Rodríguez Eiras, serán os outros membros do tribunal que o venres 14 se reunirá para seleccionar e recoñecer traxectorias persoais, empresariais ou institucionais innovadoras na área agrogandeira, como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas vencelladas ao rural galego.
O gañador percibirá 10.000 euros -é o galardón mellor dotado de España nesta especialidade-. Na súa primeira edición, o premio recaeu na industria cárnica Novafrigsa, do Grupo Coren. No 2001, o recoñecemento foi para o investigador Javier Guitián Rivera, por un estudo multidisciplinar sobre a serra do Courel. Mentres, na terceira edición foi distinguida a Aula de Produtos Lácteos da USC. Na cuarta convocatoria, o galardón foi parar ao daquela director xeral de Agricultura na Comisión Europea, José Manuel Silva Rodríguez. A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega e os programas de Televisión de Galicia O Agro e Labranza tamén foron merecedores do premio Aresa. Finalmente, o ano pasado venceu o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.