O VI Aresa premia o labor do decano de TVG

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño e o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro uníronse onte ó presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, na entrega do VI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural ó programa de Televisión de Galicia O agro-labranza por ser testemuña directa dunha transformación esencial da nosa cultura agraria e da nosa relación co espazo rural, tal e como subliñou Rodríguez Eiras.

O galardón foi recollido polo director do espazo televisivo Anxo Vázquez, nunha cerimonia celebrada esta tarde no campus de Lugo.
Tanto Aresa como a universidade compostelana quixeron destacar o esforzo deste programa especializado no sector produtivo agrario por favorecer o progreso económico do campo galego.

O agro-labranza emítese dende hai vinte anos en TVG, aínda que iniciou a súa andaina cinco anos antes en TVE en Galicia.
Este espazo actuou como referente en toda España, sendo o modelo que adoptaron outras canles autonómicas para informar sobre o desenvolvemento do sector.

O programa está dirixido dende os seus inicios por Anxo Vázquez.