Esta edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, convocado pola Universidade de Santiago de Compostela e o Grupo Aresa, conta cun total de 14 candidaturas entre empresas, asociacións e traballos de I+D+i vinculados ao medio rural.
O xurado do Premio Aresa 2017 fará análise das propostas presentadas e decidirá quen é o gañador o venres 22 de decembro. Estará composto polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o reitor da Universidade de León, Juan Francisco García Marín; o director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Manuel López Luaces, e o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema.
A decisión terá que ser tomada entre un grupo de 14 candidaturas ben dispares entre as que se encontran empresas de recente creación, como Kalekói, Vinagres do Ribeiro ou Hortícolas Javier Miranda; empresas xa consolidadas, como Adega Algueira e Finca Villadangos; consellos reguladores, como o Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia ou o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega); asociacións, o Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo, a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Asociación de Criadores de Raza Porco Celta (Asoporcel); dous traballos de I+D+i, un deles presentado por Nelson Pérez Guerra e José Manuel Domínguez González, profesores do departamento de Química Analítica e Alimentaria da Facultade de Ciencias de Ourense (UVigo), e titulado “Optimización do proceso de fermentación de mostos de uvas de mesa brancas e tintas con gránulos de kéfir para a produción de bebidas funcionais” e outro, “Elaboración de aceites monovarietais de sementes de vide, procedentes de residuos vitivinícolas industriais das variedades brancas de albariño, caíño branco e loureira”, proposto polo Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC); a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo e unha última candidatura que solicita o anonimato da súa participación.
Na súa análise, o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren emprego e valor engadido no sector; á súa viabilidade económica; á creación de postos de traballo, especialmente no rural; á posta en valor dos produtos da terra; á recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais, que teñan potencial de desenvolvemento; á innovación de produtos e aos seus métodos produtivos.
Todo un conxunto de características que fan que o galardón premie cada ano a iniciativa que mellor contribúa a crear emprego e riqueza nos ámbitos agrícola e gandeiro como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida das persoas que viven e traballan no medio rural galego.
O gañador do Premio Aresa 2017 recibirá o premio, dotado con 10.000 euros, nunha gala que terá lugar nunha data aínda por determinar dos dous primeiros meses do vindeiro ano.