O xurado revelará mañá os finalistas do XXI Premio Aresa

O vicerreitorado do Campus de Lugo acollerá este xoves ás 17:30 h a reunión dos membros do xurado do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural 2020, convocado pola Universidade de Santiago de Compostela e o Grupo Aresa.

Xurado_aresa

Coñecidas as dezaseis candidaturas presentadas á vixésimo primeira edición do Premio Aresa, o xurado da mesma composto por Antonio López Díaz, reitor da USC; Álvaro Rodríguez Eiras, presidente de Aresa; Montserrat Valcárcel Armesto, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo; Manuel Gómez-Franqueira, presidente do Grupo Coren, e María José Alonso Fernández, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, valorará mañá os méritos de cada unha delas e decidirá cales son os finalistas.   

Como cada ano, o galardón premia iniciativas e proxectos presentados por entidades, empresas, grupos de investigación, asociacións ou persoas individuais, que contribúan de forma decisiva a crear emprego e riqueza nos ámbitos agrícola e/ou gandeiro, pero nesta ocasión valorará especialmente as iniciativas que redefiniran o seu modelo de negocio durante a pandemia, creasen un novo proxecto ou axudasen a outros nesta nova realidade marcada inesperadamente pola chegada da covid-19.

O Premio Aresa 2020 está dotado, como vén sendo habitual, con 10.000 euros.

Candidatuas Presentadas

  • Cátedra Da Cunha do pan e do cereal, de Ángeles Romero e Santiago Pereira (Campus Terra da USC).
  • Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa.
  • Aireoá, granxa dedicada á produción con Galiña de Mos.
  • O Mundo do Souto, proxecto para a recuperación dos soutos tradicionais e o impulso de novas plantacións de castiñeiro de froito.
  • H2GZ Terrazas Agrícolas Robotizadas en Mondoñedo, proxecto presentado por José Manuel Vale para a produción agrícola en montañas.
  • Muuhlloa, cosmética 100 % galega realizada con produtos ecolóxicos e que xorde da sinerxia doutras dúas iniciativas como son Granxa Maruxa e Milhulloa.
  • Arnigal Cultivos, proxecto sobre o  aproveitamento económico racional da Arnica montana en Galicia a partir do seu cultivo e transformación.
  • As vacas da Ulloa SCG, cooperativa de gandería ecolóxica.
  • Trigo y Limpio, produción de fariña de trigo autóctono, moída á pedra e envasada de forma artesanal.
  • Gandería Quintián, gandería familiar de produción de leite con elaboración e comercialización de leite fresco e pasteurizado.
  • Cooperativa A Carqueixa, nada para o fortalecemento dos produtores de carne de Cervantes.
  • Sistema comunal de xestión da Comunidade Montes Veciñais en Man Común de Couso (Pontevedra).
  • Verín Biocoop SCG (Ourense), pioneiros na comercialización de carne de vacún de produción ecolóxica.
  • Corazón de Carballo, centro de ocio, tempo de lecer e servizos, que une educación ambiental e rural mediante multitude de actividades para todas as idades e necesidades.
  • Conservas do Támega, dedicada á elaboración de conservas vexetais ecolóxicas.
  • Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata topo, de Pablo Sánchez Quinteiro.