O XVIII Premio Aresa é para a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo

Ganhador_premio_aresa_2017 1

O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que convocan a Universidade de Santiago de Compostela e Aresa, xa ten gañador. Esta edición é a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo polo seu destacado papel de formación e investigación no sector agrogandeiro e forestal.

O acto, en vídeo

O xurado, integrado polo reitor da USC, Juan Viaño Rey; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o reitor da Universidade de León, Juan Francisco García Marín; o director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Manuel López Luaces, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, reuniuse esta mañá para avaliar as catorce candidaturas presentadas e deu a coñecer o nome do galardoado nunha conferencia de prensa celebrada no vicerreitorado lucense.

A vencedora desta décimo oitava edición do Premio Aresa foi finalmente a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo. Seguindo as bases do concurso, os membros do xurado prestaron especial atención a aquelas candidaturas que xerasen postos de traballo de calidade no rural, que puxesen en valor os produtos da terra, que recuperasen subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais con potencial para desenvolverse e que buscasen innovar en produtos e métodos produtivos.

O vencedor foi elixido por unanimidade por cumprir con todos estes requisitos, pola longa traxectoria na formación de homes e mulleres que participaron cos seus coñecementos na mellora do mundo rural e polos proxectos de investigación que desenvolven nese mesmo senso. Os dous membros do xurado ligados á Universidade recoñeceron absterse na votación final para non influír na decisión.

Este recoñecemento chega xustamente no ano no que a Politécnica de Lugo cumpre o seu 50 aniversario e no que tamén foi recoñecida entre as mellores universidades españolas no ranking da Fundación BBVA, no ámbito da enxeñería agronómica e forestal.

O presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, agradeceu a todos os membros do xurado o seu traballo, especialmente a Juan Francisco García Marín e Manuel López Luaces, por aportar unha boa visión do sector e axudar a valorar da mellor maneira todos os proxectos concorrentes e destacou do premiado: “O valor desta escola na provincia de Lugo, un territorio no que os sectores agrícola, gandeiro e forestal xogan un papel transcendental en toda a nosa economía. Creo que é un premio moi acertado e moi merecido”.

A todos os méritos deste centro, Viaño Rey engadiu que “é ademais salientable o seu compromiso coa sociedade, xa que pon a disposición de particulares, empresas e institucións todo tipo de formación relacionada co medio rural”.

A Escola Politécnica de Lugo será dotada con 10.000 euros e recibirá o seu diploma e os honores correspondentes nunha gala que ten previsto ter lugar o 16 de febreiro de 2017.  

Así mesmo, os membros do xurado destacaron a calidade do resto das candidaturas presentadas: Kalekói, Vinagres do Ribeiro, Hortícolas Javier Miranda, Adega Algueira, Finca Villadangos, Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia, Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo, Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Asociación de Criadores de Raza Porco Celta (Asoporcel), os traballos de I+D+i “Optimización do proceso de fermentación de mostos de uvas de mesa brancas e tintas con gránulos de kéfir para a produción de bebidas funcionais” e “Elaboración de aceites monovarietais de sementes de vide, procedentes de residuos vitivinícolas industriais das variedades brancas de albariño, caíño branco e loureira” e unha última candidatura que solicitou o anonimato da súa participación.