O XXI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural entregarase o vindeiro 22 de marzo

Premio_Aresa
  • A Universidade de Santiago de Compostela e o grupo Aresa terán que decidir quen é o gañador entre os catro finalistas seleccionados: EFA Fonteboa, Arnigal Cultivos, Cooperativa A Carqueixa e Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata topo.
  • A gala será totalmente virtual e emitirase a través do Facebook de Aresa.

Tras o aprazamento da primeira data anunciada para a entrega do XXI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, inicialmente convocada para o 11 de febreiro, pola situación sanitaria e as restricións de mobilidade que se tiveron que asumir en todo o mes de febreiro, a Universidade de Santiago de Compostela e o grupo Aresa fixan para o vindeiro 22 de marzo a gala de entrega do galardón, que será totalmente virtual e se emitirá ás 12:00 h a través da páxina de Facebook de Aresa www.facebook.com/Premio.Aresa.

Os cinco membros do xurado, composto por Antonio López Díaz, reitor da USC; Álvaro Rodríguez Eiras, presidente de Aresa; Montserrat Valcárcel Armesto, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo; Manuel Gómez-Franqueira, presidente do Grupo Coren, e María José Alonso Fernández, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, serán os encargados de anunciar o nome do gañador desta vixesimoprimeira edición.

Os catro finalistas seleccionados por unanimidade foron EFA Fonteboa, Arnigal Cultivos, Cooperativa A Carqueixa e Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata topo e só un deles acadará o premio, dotado con 10.000 euros e unha placa conmemorativa.

Nesta edición, marcada pola inesperada chegada da covid-19 e o constante esforzo do sector por se adaptar a esta nova realidade, o xurado valorará unha vez máis con especial atención as iniciativas que redefiniran o seu modelo de negocio durante a pandemia, creasen un novo proxecto ou axudasen a outros, sen esquecerse da finalidade esencial do Premio, que é recoñecer entidades, empresas, grupos de investigación, asociacións ou persoas individuais, que contribúen de forma decisiva a crear riqueza nos ámbitos agrícola e/ou gandeiro, xerando postos de traballo de calidade no rural, poñendo en valor os produtos da terra, recuperando subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais con potencial para desenvolverse e buscando innovar en produtos e métodos produtivos.

Méritos dos finalistas

Entre os finalistas, o Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa xorde no ano 1975 como unha iniciativa social para dar resposta ás necesidades de formación do medio rural e desde ese ano leva graduado a uns 1.100 estudantes en Formación Profesional Agraria, a maioría dos cales están incorporados a explotacións agrarias e contribúen no fortalecemento do tecido económico e social dos concellos rurais.

Pola súa parte, Arnigal Cultivos nace da innovación en varias áreas para manter unha produción de Arnica montana constante e necesaria para a súa explotación comercial, pois unha parte importante da flor de árnica utilizada pola industria farmacéutica e cosmética provén da recollida en Galicia. Comezou a súa actividade en febreiro de 2020 coa comercialización dunha gama de tres produtos e coa aposta pola sostibilidade mediante o cultivo ecolóxico, así como a utilización de solventes e tecnoloxías verdes de extracción e a xestión e reutilización de residuos.

O terceiro dos finalistas, Cooperativa A Carqueixa, ten a súa orixe en 1994, ano no que se fundou para a comercialización conxunta de xatos e a compra de insumos, adquirir máis dimensión como colectivo e conseguir que os produtores de carne de Cervantes fosen un sector máis forte e cohesionado. A día de hoxe está formada por uns 200 cooperativistas.

Por último, o proxecto`Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata topo´, presentado por Pablo Sánchez Quinteiro, pretende aportar a experiencia dos membros do grupo de Neuroanatomía do departamento de Anatomía da Facultade de Veterinaria da USC no estudio da comunicación química dos mamíferos para o desenvolvemento dunha estratexia de control para este tipo de praga basándose na utilización de sinais químicas producidas pola propia rata topo (feromonas) e polos seus depredadores, fundamentalmente o raposo (cairomonas), nas zonas afectadas.

O palmarés do Premio Aresa

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018) e Asociación de Criadores de Raza Porco Celta, Asoporcel (2019).

Aresa logo

Contacto

Tel. Lugo +34 982 222 400Tel. Rábade +34 982 390 371info@aresa-agricola.com