O XXII Premio Aresa vaise para a EFA Fonteboa

Fallo_xurado_aresa22_2
  • Entre as 13 candidaturas presentadas este ano, finalmente o galardón foi para o Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, polo seu labor na formación dos futuros profesionais do ámbito rural.
  • A gala de entrega do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que convocan a Universidade de Santiago de Compostela e o grupo Aresa, terá lugar o vindeiro 11 de marzo, se as condicións sanitarias o permiten.

Os membros do xurado, integrado polo reitor da USC, Antonio López; a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; María Cruz Díaz, presidenta da Asociación Nacional de Enxeñeiros Agrónomos; Carme Pampín, CEO de GalChimia, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, reuníronse esta mañá para avaliar as trece candidaturas presentadas e deron a coñecer o nome do galardoado nunha conferencia de prensa celebrada no vicerreitorado do Campus lucense.

O reitor da USC, Antonio López, valorou a diversidade das candidaturas porque, segundo dixo,  “contamos con moita variedade nos proxectos, desde formativos ata de investigación, gandeiros ou agrícolas…Todas elas, iso si, con moito valor” e anunciou que “tras estudar a fondo todas elas, acordamos por unanimidade que a vencedora desta vixésimo segunda edición do Premio Aresa fose a presentada polo Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, de Coristanco”.

Lopez Díaz engadiu que “xa fora finalista en anteriores edicións do Premio e queremos destacar así, nesta ocasión, a importancia que a formación de profesionais ten para o desenvolvemento presente e futuro do sector primario, dos sectores agrícola e gandeiro de Galicia”.

“Para estar á altura dos retos que se veñen, é necesario contar con profesionais formados e cualificados e a EFA Fonteboa ten unha longa traxectoria na formación do ámbito rural”, engadiu.

ENTREGA DO PREMIO

Agradeceu a todos os membros do xurado o seu traballo e esforzo para tomar a decisión acertada, o labor do grupo Aresa para que este recoñecemento sume xa vinte e dúas edicións e anunciou a data da gala de entrega do premio: “Será o vindeiro 11 de marzo de 2022 no auditorio da facultade de Veterinaria do Campus de Lugo no formato tradicional, sempre que as condicións sanitarias nolo permitan”.

O Premio Aresa está dotado con 10.000 euros e unha placa conmemorativa.

Pola súa parte, a adxunta á presidencia de Aresa, Carlota López, tamén presente no acto, subliñou unha vez máis “a calidade das candidaturas presentadas, coas que comprobamos o enorme futuro que ten o rural de Galicia”.

Deulle as grazas tamén á Universidade polo “seu apoio para seguir adiante con esta iniciativa”, da cal lembrou que “segue tendo o mesmo espírito co que se creou, que non é máis que contribuír coa riqueza e co benestar da xente que vive e traballa no rural galego. Nese senso, o premiado deste ano creo que cumpre moi ben con ese sentido co que naceu este premio”.

CANDIDATURAS PRESENTADAS

Ademais da EFA Fonteboa, este é o listado de candidaturas presentadas a esta edición do Premio Aresa: Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga); Cooperativa Tres Fuciños; Muuhlloa; Timbersoul; Traloagro; Amarelante; DOP O Cebreiro; Estratexia de loita ecolóxica fronte á praga da rata topo; Carabuñas; Gandería María Dolores Vázquez Carballés; Belacolmea, e Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Couso.

Aresa logo

Talento

Tel. Lugo +34 982 222 400Tel. Rábade +34 982 390 371info@aresa-agricola.com