O XXIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural vaise para Casa Grande de Xanceda

Premiado_grupo_
  • Sara Torreiro, responsable de Marketing e RSC de Casa Grande de Xanceda, recolleu esta noite o galardón da man do presidente da Xunta de Galicia.
  • O premio, impulsado conxuntamente polo grupo Aresa e pola Universidade de Santiago de Compostela, está dotado con 10.000 euros e unha placa conmemorativa.  

A gala, en vídeo

>Entrega do premio

>Conferencia de Carmen Lence, CEO de Grupo Lenca: Unha historia de superación

>Intervención do reitor da USC

>Intervención do presidente e da vicepresidenta de Aresa

>Intervención do presidente da Xunta de Galicia

O presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, presidiron esta tarde no auditorio da Facultade de Veterinaria a vixésimo terceira gala de entrega do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que lle foi entregado nesta ocasión a Casa Grande de Xanceda.

O presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, presidiron esta tarde no auditorio da Facultade de Veterinaria a vixésimo terceira gala de entrega do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que lle foi entregado nesta ocasión a Casa Grande de Xanceda.

No acto tamén estiveron presentes o vicerreitor do Campus de Lugo, Francisco José Fraga; a CEO do Grupo Lence, Carmen Lence, e a vicepresidenta de Aresa, Carlota López Pardo.

O reitor da USC foi o encargado de dar a benvida ao acto e concedeulle a palabra a Carmen Lence, membro do xurado desta edición, que impartiu a conferencia maxistral “Unha historia de superación”.

Durante a súa intervención puxo sobre a mesa a importancia do rural en aspectos tan vitais como a loita contra o cambio climático, a loita contra o despoboamento e a subministración de alimentos frescos. Subliñou tamén o valor de manter á muller no campo e de atraer a máis, porque «dúas de cada tres persoas que deixan o rural son mulleres en idade fértil e, se elas se van, o rural non ten futuro; así de simple».

Sobre Casa Grande de Xanceda destacou que «é un orgullo e un motivo de felicidade que este ano se lle conceda este galardón a unha empresa liderada por unha muller que decidiu vir da cidade ao rural a investir e a promover unha iniciativa emprendida no seu día polos seus avós».

Seguidamente, o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco Fraga López, foi o encargado de ler publicamente a acta co fallo do xurado.

O presidente da Xunta de Galicia fixo entrega da placa conmemorativa do Premio Aresa a Sara Torreiro, responsable de Marketing e RSC de Casa Grande de Xanceda, e o presidente de Aresa finalizou a entrega coa parte económica do galardón, 10.000 euros.

Un soño de 50 anos de historia na Galicia rural

A continuación, Sara Torreiro dirixiuse ao auditorio e comezou agradecendo o premio ao grupo Aresa, á Universidade e aos membros do xurado, “é unha inmensa ledicia para min e para todo o equipo de Casa Grande de Xanceda recibir este premio. É o recoñecemento a un soño de 50 anos de historia na Galicia rural, o soño dos fundadores da granxa, os xornalistas galegos Felipe e Victoria Armesto. Un recoñecemento tamén á filosofía de que a gandería pode ser ecolóxica e preservar os valores da paisaxe e de que pode ser rendible e crear empregos”.

Torreiro enumerou algunhas cifras alarmantes constatadas pola Unión Europea, como que “desapareceron o 70 % das bolboretas nos últimos 30 anos, que só quedan a metade das aves que había hai 40 anos ou que xa non existen no estado español o 60 % das zonas húmidas que existían hai un século”, para posteriormente recalcar unha radiografía do espazo natural que supoñen as 75 ha que forman a granxa, as Fragas e Brañas do Alto Gaiteiro, recoñecidas como Espazo Natural Protexido. “Contamos con 145 especies de plantas, 92 de aves, 26 especies de mamíferos, 13 de anfibios, 9 de réptiles e 3 especies de peixes continentais, todo grazas ao gran traballo das nosas vacas ecolóxicas, que son as que crean un ecosistema de pastoreo, pois coas súas patas e o seu fociño moven sementes dun prado a outro”, subliñou.

Despois da súa explicación, reclamou que “se deixen de ver as vacas como un problema, porque son parte da solución. Onde hai vacas, persoas e traballo non hai monocultivos nin incendios nin abandonos”. Aproveitou así para pedirlle á Administración que “aposte polos produtores en ecolóxico e que non os descoide, porque é un sector crucial para a comunidade do futuro”.

Rematou o seu relatorio adiantando que destinarán o premio a “mellorar a biodiversidade das nosas granxas socias, o benestar dos aventureiros e, por suposto, o noso Espazo Natural Protexido”. Por último, leu un poema de Eduardo Blanco Amor que no seu día o escritor lle dedicou aos fundadores da granxa, titulado Viva!

O rural, creador de riqueza na comunidade

Tras a entrega do Premio e as palabras de agradecemento do premiado, interveu  Álvaro Rodríguez Eiras, quen agradeceu a asistencia de todo o público e sinalou do gañador “o importante labor que desenvolve para o medio rural galego”. Inmediatamente, deulle paso á vicepresidenta do grupo Aresa, Carlota López Pardo, quen tomou a palabra en nome da entidade.

López Pardo recordou a transformación do rural á que asistimos durante os vinte e tres anos de celebración deste premio e destacou “a importancia do sector agrícola e gandeiro como produtor de alimentos, cunha excelente e merecida reputación, e como creador de riqueza na nosa comunidade”. Por iso, fixo fincapé en que “debemos facer unha aposta como sociedade por seguir potenciando este colectivo e o Premio Aresa demostra ano tras ano a cantidade e calidade de proxectos que cren no futuro rural de Galicia”.

De Casa Grande de Xanceda sinalou que “é un exemplo de volver ao campo para facerse cargo do negocio familiar para convertelo nunha empresa exemplar. Ademais, conseguiu gran notoriedade estando presente na gran distribución a nivel nacional, defendendo o territorio e sendo pioneira no uso das redes sociais cun proxecto diferencial, de calidade e de consolidación da marca”.

Carlota López agradeceulle, por último, aos membros do xurado –Antonio López, reitor da USC; Francisco José Fraga, vicerreitor do Campus de Lugo; Marius Rubiralta, presidente da Comisión Científica Externa do Campus Terra, e Carmen Lence, CEO do Grupo Lence– o esforzo para resolver esta edición; á Universidade de Santiago de Compostela, o seu apoio para seguir adiante co Premio Aresa, e ao presidente da Xunta e a todos os asistentes, a súa presenza no acto.

Pola súa banda, o reitor da USC, Antonio López Díaz, felicitou unha vez máis a Casa Grande de Xanceda e ao resto de candidaturas presentadas nesta edición. Recoñeceu a Álvaro Rodríguez, como “un exemplo de vitalidade, de compromiso e de saber abordar o traspaso xeracional” e augurou “un futuro por diante para moitas máis edicións do Premio Aresa”.

A gala foi clausurada polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, que resaltou da empresa recoñecida tres características clave, como son “os seus magníficos produtos, a súa promoción do turismo sustentable e o seu labor diario nas redes sociais para dar a coñecer a cultura gandeira galega”. Concluíu dicindo que “o pasado da Galicia rural é moito e forte, pero debemos crer tamén moito no futuro”.

O palmarés do Premio Aresa

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020) e EFA Fonteboa (2021).

Aresa logo

Contacto

Tel. Lugo +34 982 222 400Tel. Rábade +34 982 390 371info@aresa-agricola.com